A Xunta dálle impulso a industria da defensa: declara estratéxica a ampliación de Urovesa, cun investimento de 52 millóns
A Xunta dálle impulso a industria da defensa: declara estratéxica a ampliación de Urovesa, cun investimento de 52 millóns
O Consello da Xunta aproba máis de 70 millóns de euros para axudas e melloras nas infraestruturas das redes de saneamento de auga de Galicia
Luz verde a un investimento de máis de 22 millóns de euros para o proxecto da variante de Carballo
O Goberno galego dálle impulso á industria da defensa na nosa comunidade. O Consello da Xunta declarou este luns Proxecto Industrial Estratéxico a ampliación da planta de Urovesa no concello pontevedrés de Valga. O presidente galego Alfonso Rueda sinalou que se van investir case 52 millóns de euros nunhas novas instalacións de máis de 100.000 m2 destinadas á fabricación de todo terreos para uso militar e industrial. A previsión é crear un cento de postos de traballos directos.
En materia de infraestruturas, deuse luz verde ao trazado provisional da variante de Carballo, na que se investirán máis de 22 millóns de euros. Unha actuación que pretende axilizar a circulación e mellorar a seguridade viaria nunha zona que rexistra un tráfico de 11.000 vehículos diarios.
Trátase du proxecto estratéxico que permitirá mellorar as conexións do polígono industrial de Bértoa, en Carballo, con todo o sur de Galicia. Pero tamén servirá de alternativa á estrada que atravesa toda a localidade. Evitarase deste xeito o paso do tráfico pesado polo centro urbano de Carballo. Moi demandada, vén completar outras infraestruturas estrátexicas na zona, coma a prolongación da autovía da Costa da Morte.
Ademais, o Goberno galego tratou un informe que indica que a Xunta de Galicia destina este ano máis de 70 millóns a axudas e melloras nas infraestruturas das redes de saneamento de auga de Galicia.
No apartado social, nesta xuntanza semanal o Consello autorizou a licitación da redacción dos proxectos para construír un novo centro de saúde en Becerreá e ampliar e reformar o de Baltar, en Sanxenxo. En total, o investimenro previsto é de 8,4 M€.
No apartado de acordos en materia sanitaria, destaca a aprobación dun investimento de 4,8 millóns para a adquisición de material necesario para realizar probas intervencionistas coas que previr enfermidades coronarias (permiten prever o risco dun accidente cardiovascular e tomar medidas para reducilo) para un período de tres anos.
Criadores de razas autóctonas
O Consello acordou tamén renovar a colaboración co Inorde da Deputación de Ourense e con cinco asociacións de criadores de razas autóctonas que promoven o porco celta, a galiña de mos, o cabalo galego ou a rubia galega, entre outras, para favorecer a súa recuperación e fomentar a súa presenza. O proxecto terá unha dotación económica de 2,5 millóns de euros ata 2027.
Os acordos referidos ao sector primario prevén tamén convocar unha nova liña de axudas para paliar os efectos da parada temporal da actividade nos bancos marisqueiros da ría de Ferrol. Terá un orzamento de 1 millón de euros.
Investigación
O Goberno galego acordou tamén destinar 3,1 millóns de euros a apoiar á investigación que realizan dez fundacións sanitarias e centros do CSIC en Galicia.
Ademais, deu o visto a prace para que a Fundación Galtia se constitúa o vindeiro outono e lance a súa primeira convocatoria para captar científicos no primeiro semestre de 2026. O obxectivo é incorporar 30 investigadores de máximo prestixio internacional ata 2030.
Outros acordos
No listado de acordos da xuntanza semanal do Consello destacan tamén o investimento de preto de 9 millóns de euros en incentivos para que as entidades sen ánimo de lucro contraten unhas 500 persoas desempregadas.
Tamén o investimento de 7,5 millóns de euros ata 2028 para reforzar as redes tecnolóxicas e de telecomunicacións da Xunta para garantir o servizo ante cortes eléctricos coma o de abril.
Ademais aprobou un programa pioneiro, dotado con 1,5 millóns de euros en axudas para que as empresas galegas estean mellor preparadas para previr e actuar fronte a un ciberataque.
En materia de vivenda pública deuse luz verde a un acordo para licitar a redacción do proxecto para construír 78 en solo cedido polo Concello de Ames, na zona de Agriños.