A Xunta aproba o plan de prevención de incendios por 39 millóns
Poñerá en marcha un "visor público" para que calquera cidadán poida saber que parcelas ten que ter ben acondicionadas
Estará en vigor ata 2024 e actuará sobre 60.000 hectáreas
A Xunta deu o visto e prace este xoves ao plan de prevención contra os incendios para a campaña deste ano, que estará vixente ata marzo de 2024, cunha dotación global de 39 millóns de euros, un 17 % máis ca o anterior.
O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, destacou que se actuará sobre un total de 60.000 hectáreas e 5.600 quilómetros de pistas forestais, así como 4.800 puntos de auga, e incrementarase o alcance das queimas prescritas controladas que pasará de 700 a 2.100 hectáreas.
Vaise reforzar a vixilancia para garantir que as leiras próximas ás casas estean rozadas
Pero tamén se incrementará a vixilancia sobre as parcelas próximas a vivendas para o que se poñerá en marcha un "visor público" para que calquera cidadán poida saber que parcelas ten que ter ben acondicionadas, segundo explicou na conferencia de prensa tras o Consello da Xunta, que Conde presidiu por atoparse ausente o presidente galego, Alfonso Rueda, de viaxe por América Latina.
Este visor é unha das principais novidades deste plan que ten como obxectivo tratar de "traballar para garantir que o número de incendios sexa o menor posible e, de producirse, que causen o menor dano", dixo Conde.
Outra das novidades é que as brigadas forestais municipais van vixiar que a xestión da biomasa é a correcta nas leiras próximas a vivendas para que estean limpas, mentres que ata o de agora só se encargaban dos labores de roza e extinción.
Unha parte do plan vai dirixido á cidadanía para concienciar dos perigos e dos mecanismos de prevención que hai que ter en conta na loita contra o lume. Haberá un total de 304 charlas a estudantes ou 40 charlas en parroquias de alta actividade incendiaria, así como campañas de difusión en medios de comunicación.
Este plan preventivo de hoxe integrarase no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) 2023 que, como é habitual, aprobarase antes do inicio da tempada de alto risco de lumes, que se iniciará o 1 de xullo.
Planta de Norvento nas Gándaras
O Consello da Xunta tamén declarou proxecto empresarial singular a planta que a empresa galega Norvento quere instalar no polígono lucense das Gándaras. Con esta medida a compañía adxudicarase dúas parcelas por algo máis de dous millóns de euros.
"Norvento, que xa está presente no polígono das Gándaras, prevé ampliar as súas instalacións cun proxecto vencellado ás enerxías renovables, que será estratéxico para toda a contorna de Lugo. A empresa vai investir 50 millóns de euros", explicou Conde.
O proxecto vai supoñer a creación de 840 postos de traballo directos e indirectos, polo que o vicepresidente económico considérao "estratéxico" para a área de Lugo.
Acordos en Igualdade e melloras nas residencias
Na súa reunión deste xoves, a Xunta autorizou, ademais, tres liñas de axudas en materia de igualdade, por un importe total de 9,3 millóns de euros, destinadas aos concellos para promover a conciliación, a igualdade e loitar contra a violencia de xénero, así como para financiar o labor dos centros de información á muller (CIM).
Por outra banda, a Xunta abordou hoxe a implantación nas residencias de maiores públicas un novo sistema de rehabilitación e fisioterapia por realidade virtual, para o que ha licitará por 500.000 euros a compra de instrumentos como televisores, computadores e sensores.