Conseguen que un feto viva 12 días nunha placenta artificial
É un achado científico que pode ser clave para garantir a supervivencia dos bebés máis prematuros
Dous hospitais cataláns acaban de conseguir que un feto viva 12 días fóra do útero materno, nunha placenta artificial que reproduce as mesmas condicións. É un fito científico que pode ser clave para garantir a supervivencia dos bebés máis prematuros, os que nacen con menos de 26 semanas de xestación.
O ensaio realizárono os hospitais Clínic e San Joan de Déu de Barcelona, dentro do primeiro proxecto europeo para elaborar placentas artificiais. Nesta primeira fase conseguiron manter con vida fóra da nai un feto animal durante 12 días, reproducindo as condicións do útero materno. Un éxito que abre portas de supervivencia insólitas para os bebés prematuros. En Europa nacen cada ano 25.000 con menos de seis meses de xestación.
"Está conectado a un cordón umbilical e rodeado de líquido amiótico. Tería aplicación nos prematuros máis ultraextremos, os que baixan de 26 semanas, que neste momento non teñen resultados perfectos", di Eduard Gratarós, investigador xefe do proxecto de Placenta Artificial.
A segunda fase do proxecto intentará ampliar a supervivencia do feto a catro semanas. Se prospera con éxito, poderanse empezar a facer os primeiros ensaios clínicos. No futuro, din os investigadores, haberá placentas artificiais.
"En vinte anos seguro que será unha realidade. Pensamos que en cinco anos poderemos facer os primeiros ensaios de aplicación clínica e oxalá en dez anos poida ter un uso clínico", engade Eduard Gratarós.
Actualmente hai estudos similares en marcha no Xapón, en Australia e nos Estados Unidos. Neste último lograron que un feto sobrevivira nunha placenta artificial 28 días.