Confirman a pena de 12 anos de cárcere á condutora que matou dous mozos nun accidente en Ribeira
Ratificou tamén a condena que lle retira o carné de conducir durante oito anos

A sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que condenara a 12 anos e medio de cárcere a condutora que causou un accidente mortal en Ribeira no que faleceron dous mozos.
O TSXG deu por válida a sentenza do 19 de xaneiro de 2023 da Audiencia da Coruña que condenaba a muller por dous delitos de homicidio doloso, en concurso cun delito contra a seguridade viaria.
Ademais da pena de 12 anos e medio de prisión, o TSXG ratificou tamén a condena relativa á privación, durante oito anos, do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores, o que comporta a perda do permiso de conducir.
Os feitos ocorreron o 5 de maio de 2019, cando a condenada conducía un vehículo entre Padrón e Ribeira e, á altura de Palmeira invadiu o carril contrario e chocou frontalmente contra outro coche no que viaxaban un home e unha muller, que faleceron polo impacto.
O seu coche circulaba a 130 quilómetros por hora nunha zona limitada a 70. A muller alegou que non era consciente do risco que implicaban os seus actos porque ía baixo os efectos do alcol e fármacos nun momento en que fuxía de malos tratos.
A sentenza da Audiencia apuntaba que, antes do accidente mortal, a muller xa circulaba “de forma perigosa para os demais usuarios da vía” e os membros do xurado entenderon que actuaba así porque “lle resultaba indiferente se desta forma causaba un accidente ou lesionaba ou mataba a outros”.