Confinan os veciños dun edificio do Porriño por un escape de gas
O confinamento produciuse tras a rotura da tubaxe na Avenida de Galicia, contra as 10:30 horas
Bombeiros do Porriño. Foto de arquivo
Os veciños dun edificio da vila pontevedresa do Porriño foron confinados este luns no interior das súas vivendas polos bombeiros por mor da rotura dunha tubaxe de gas.
A rotura produciuse na Avenida de Galicia, segundo informou o 112 Galicia, que tivo constancia da noticia sobre as 10:30 da mañá por medio da Policía Local. Esta solicitaba a intervención dos bombeiros, que detectaron unha nube de gas nas escaleiras, o cal os obrigou a confinar os veciños ata finalizar a intervención.
Desde o 112 informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 de maneira preventiva, aos bombeiros e aos membros da Agrupación de Protección Civil do Porriño mais á empresa xestora do gas na zona.
Pouco despois xa se atopaban traballando no edificio os técnicos da devandita empresa, que procederon a cortar a subministración. Non foi ata despois do mediodía cando os veciños puideron saír todos ilesos das súas vivendas.