Goberno e comunidades acordan a volta ao colexio presencial o 10 de xaneiro
A partir do 7 de xaneiro haberá tests gratuítos nas farmacias para os menores de 12 anos
Segundo recalcou Darias, houbo "unanimidade" entre as rexións e o Goberno para acordar a volta ás aulas de maneira presencial e nas datas previstas
O Goberno anunciou este martes un acordo por "unanimidade" coas comunidades autónomas para que a volta ao colexio tras as vacacións de Nadal se produza nas datas previstas, para o 10 de xaneiro, e que sexa totalmente presencial.
Así o confirmou a ministra de Sanidade, Carolina Darias, na conferencia de prensa posterior á reunión conxunta mantida cos ministros de Educación, Pilar Alegría, e Universidades, Joan Subirats, en que se abordou a continuación das clases no segundo trimestre deste curso 2021-2022 cos conselleiros de materia educativa e universitaria das autonomías.
Darias subliñou a importancia deste encontro, no que o obxectivo era "acordar entre todos unha decisión de país". "Ten que ver coa presencialidade de todo o noso alumnado a partir do próximo 10 de xaneiro en todo o territorio nacional", sinalou.
Segundo recalcou, houbo "unanimidade" entre as rexións e o Goberno para acordar a volta ás aulas de maneira presencial e nas datas previstas.
Durante as últimas semanas, tras o incremento de contaxios pola variante Ómicron, albiscouse a posibilidade de que se atrasase o regreso ás aula e que a actividade docente se reiniciase de forma telemática ou semipresencial, pero tanto o Goberno como as autonomías e a comunidade educativa no seu conxunto demandaban a máxima normalidade nos centros educativos, algo que finalmente se produciu.
Segundo afirmou a ministra de Sanidade, garantirase a ventilación cruzada, o uso de máscaras, a apertura de todos os centros educativos e a máxima presencialidade a partir do 10 de xaneiro.
Ademais, intensificarase a comunicación e difusión a toda a comunidade educativa sobre as medidas de prevención, reforzarase a vacinación infantil e reforzarase o cumprimento de todos os protocolos nos centros universitarios e residencias.
Minuto a minuto
A Ministra de Sanidade, Carolina Darias, asegura que a volta ás clases será de xeito presencial
"A presencialidade será unha prioridade absoluta" asegura Darias
A Ministra de Sanidade anima á vacinación e recoñece o esforzo dos máis pequenos
A ministra subliña a importancia da máscara en exteriores, a distancia de seguridade e a importancia da vacinación nos menores
"Apostar pola presencialidade é unha decisión coordinada e acertada" asegura a ministra de Educación, Pilar Alegría
A minsitra de Educación pide prudencia e seguridade e afirma que os datos de vacinación auguran unha vota a clase segura
"O noso obxectivo é seguir protexendo a saúde da poboación e garantindo o dereito á educación en condicións de igualdade" subliña Pilar Alegría
"A nosa obriga é xerar a sensación de protección e buscar a presencialidade no sistema educativo" apunta Joan Subirats, ministro de Universidades
Subirats asegura que a presencialidade se aplicará tanto nos exames como no inicio do semestre
As Universidades buscan adoptar medidas para aqueles alumnos e alumnas contaxiados que non poidan acudir ás convocatorias. Así o anunciaba o ministro de Universidades, Joan Subirats
Darias aclara a existencia de guías e protocolos para garantir unha volta ás clases segura
"Non hai corentena para as persoas vacinadas que teñan un contacto estreito" reitera Darias
Joan Subirats defende que unha persoa qe leva máis de corenta anos na Universidade non pode considerar que non sexa importante un Ministerio de Universidades
Pilar Alegría asegura que existe unha planificación para cubrir as posibles baixas do profesorado
"Debemos camiñar xuntos e de forma coordinada" afirma a ministra de Sanidade
O ministerio de Sanidade autoriza a seis compañías de test de uso profesional para autodiagnóstico da cidadanía
Darias reitera a necesidade de garantir o suministro de test de autodiagnóstico a un prezo asequible
A ministra de Educación afirma que ata o de agora os centros escolares funcionaron como centros de contención.
Darias apunta que, aínda que temos a incidencia máis alta dende o inicio da pandemia, a gravedade é menor
"O 90% de vacinación é unha porcentaxe moi alta. Canto máis vacinados, máis protexidos" asegura Darias
Darias insiste en seguir contribuíndo á vacinación co resto do mundo e agardan conseguir a vacinación do 70% de poboación de todo o planeta para este 2022