Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta regulará por lei a relación do ámbito educativo coa tecnoloxía

A Xunta regulará por lei a relación do ámbito educativo coa tecnoloxía

A Lei de educación dixital establecerá os dereitos e deberes de docentes, alumnos e familias en relación coa tecnoloxía na ensinanza

G24.gal 10/02/2025 11:23 Última actualización 10/02/2025 16:14

O Consello da Xunta aprobou este luns iniciar a tramitación da futura Lei de educación dixital para regular os dereitos e deberes de toda a comunidade educativa en relación coa tecnoloxía na ensinanza.

Segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, con esta iniciativa Galicia vaise converter na primeira rexión europea en contar cunha normativa neste ámbito.

O obxectivo da norma é que o alumnado remate os estudos co pleno manexo das novas tecnoloxías, pero coa necesaria protección ante os medios dixitais. Por iso o texto, que prevén que entre en vigor no 2026, regulará a comunicación entre docentes e estudantado fóra das aulas e a gravación das clases, garantirá un aproveitamento responsable da intelixencia artificial e velará por evitar condutas contrarias á convivencia no eido dixital.

Durante a conferencia de prensa posterior á reunión do Consello, Rueda falaba dunha "nova realidade que vai vir, que xa está aquí e vai evolucionar moitísimo".

A futura lei mesmo poderá abordar a polémica xurdida sobre o uso das tabletas e os libros electrónicos na educación, despois de que o ano pasado algúns centros se retirasen do sistema EdixGal, no que se aposta polas aulas dixitais en detrimento do papel.

Rueda especificou que se inicia unha consulta pública precisamente para ver "que sae de todo isto", xa que a implantación das novas tecnoloxías está aí e "está ben regulala".

Ademais, destacou que a Xunta xa foi "pioneira" en regular por lei o uso da intelixencia artificial, cunha normativa que está a tramitación no Parlamento, e en establecer a prohibición da utilización dos teléfonos móbiles nas aulas.

A intención do Goberno galego é que os alumnos terminen a súa formación "coas competencias dixitais que van necesitar o resto das súas vidas" e ter en conta "a necesaria protección e o uso adecuado destes medios".

Conservación dos parques naturais

O Consello da Xunta tamén aprobou este luns destinar 18,5 millóns de euros ata 2026 para a conservación dos sete parques naturais que hai en Galicia e que son o de Monte Aloia, o Complexo dunar de Corrubedo, a Baixa Limia-Serra do Xurés, o Invernadeiro, a Serra da Enciña da Lastra, as Fragas do Eume e o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Segundo detallou Alfonso Rueda, o plan recolle unha trintena de medidas, algunhas delas comúns aos sete parques como a mellora da sinalización, ou medidas para a protección da biodiversidade.

Máis alá diso, hai partidas específicas de cada un destes espazos protexidos, e será o das Illas Atlánticas o que leve o maior investimento: 10 millóns para mellorar a resistencia das especies propias e reforzar abastecemento e auga.

Banco de explotacións

Outra das medidas destacadas das aprobadas na xuntanza dese luns está a posta en marcha esta mesma semana do Banco de explotacións para promover a remuda xeracional no agro galego, de xeito que se poña en contacto persoas dispostas coller a xestión dunha explotación cos titulares finalicen a actividade, principalmente por causa da xubilación.

O obxectivo é favorecer a transmisión de ata 140 explotacións ata 2026. A medida irá acompañada dunha liña de axudas de máis de dous millóns de euros destinadas a aqueles que se animen a deixar as súas explotacións a un novo propietario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar