A Xunta reclámalle vía xudicial o Goberno o expediente de Bruxelas sobre a prórroga da AP-9
Alfonso Rueda destaca que "cobra agora moitísima máis importancia" tras o acordo no Congreso para o traspaso da Autoestrada do Atlántico a Galicia nunhas condicións que a Xunta rexeita
O presidente da Xunta di que "non ten sentido que Galicia asuma unha infraestrutura" sen saber se tería que asumir os custos da prórroga cuestionada pola Comisión Europea
O Consello da Xunta aprobou este luns presentar escrito de demanda ante a Xustiza, para esixir que o Goberno achegue a información que lle trasladou á Comisión Europea sobre as prórrogas da AP-9, logo de que Bruxelas abrise un expediente cuestionando a legalidade da prolongación da concesión da Autoestrada do Atlántico.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou que o Executivo central foi requirido para que dese a coñecer esa información, pero que ante a negativa a facelo, a Administración galega acordou reclamarlla por vía xudicial.
Segundo dixo Rueda coñecer esa información "cobra agora moitísima máis importancia" tras o acordo no Congreso para o traspaso da AP-9 a Galicia nunhas condicións que a Xunta rexeita. O presidente da Xunta insistiu en que ao que se opón a Xunta é a fórmula acordada e non a compentencia que "non se pode asumir a calquera prezo", afirmou.
O presidente da Xunta di que "non ten sentido que Galicia asuma unha infraestrutura" sen saber se tería que asumir os custos da prórroga cuestionada pola Comisión Europea.