A Inspección de Traballo cambia para facer fronte "ás formas de fraude laboral máis novas"
O Goberno elabora un plan estratéxico que moderniza a Inspección
Yolanda Díaz di que "cambia o paradigma" ante novos desafíos no ámbito laboral
Neste ano converteu en indefinidos 280.565 contratos
O Consello de Ministros aprobou este martes un plan estratéxico que moderniza a Inspección de Traballo e vaina dotar das ferramentas e recursos necesarios para "garantir a súa adaptación aos novos desafíos no ámbito laboral e para anticiparse á fraude".
Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, asegurou na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros que se "cambia o paradigma da Inspección tal e como a coñecemos".
O plan afrontará transformacións estruturais da Inspección para readaptar a súa actividade aos cambios económicos e sociais, mediante unha actualización das súas estratexias e plans de intervención cos que facer fronte "ás formas de fraude laboral máis novas".
Vaise crear unha oficina estatal de loita contra a discriminación, para combatela de forma real e eficaz, xa sexa de xénero, por discapacidade ou condición sexual, por exemplo. Ademais a vicepresidenta fixo especial fincapé na discriminación que se dá no mercado laboral entre as persoas que superan os 45 anos.
Así mesmo, configura unha unidade especial centrada na loita contra a fraude no traballo transnacional.
A modernización da Inspección pasa ademais por impulsar as novas tecnoloxías e o big data no deseño das actuacións inspectoras e por incorporar perfís para afrontar os novos retos que xorden coa maior mobilidade laboral, o traballo en plataformas dixitais, o comercio electrónico, as cadeas globais de subministración ou as novas condicións de traballo.
Segundo explicou Díaz, o plan prevé reforzar a intervención da Inspección no caso de despedimentos colectivos, suspensións de contratos e modificacións substanciais das condicións de traballo, así como ampliar as súas competencias para intervir cando non se apliquen convenios colectivos.
A Inspección converte en indefinidos 280.565 contratos
A Inspección de Traballo converteu en indefinidos 280.565 contratos temporais no que vai de ano, á vez que deu de alta na Seguridade Social outros 50.191 empregos irregulares.
Yolanda Díaz explicou que durante os cinco primeiros meses do ano a Inspección elevou a súa actividade un 355 %, o que representa un dato récord da súa serie histórica.
A ministra lembrou as campañas realizadas pola Inspección na agricultura, para as traballadoras do fogar ou co cruzamento de datos para controlar os contratos temporais con duración superior a 24 meses.
Así mesmo, detallou que a Inspección incoou 44.393 expedientes relacionados cos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), dos que 35.190 finalizaron e, deles, tan só 5.832 culminaron con resultado sancionador.
Minuto a minuto
Comeza a comparecencia
"A reunión da mañá estivo marcada por un feito importante. Reunímonos esta mañá o presidente do Goberno cos sindicatos para celebrar o acordo de onte sobre as pensións", di Isabel Rodríguez.
"O que está facendo este Goberno é avanzar nunha recuperación xusta para todos", di a voceira do Executivo.
"Nós subimos as pensións e garantimos as pensións de mañá", di a ministra.
O primeiro acordo que comunica Isabel Rodríguez é a concesión do indulto parcial a Juana Rivas. Asegura Isabel Rodríguez que se toma a medida en consideración á situación dos fillos, mirando polo benestar dos menores.
O Consello aproba o proxecto que regula a atención por parte dos prestadores de servizos que obrigará a dar unha atención personalizada e se é requerida por "unha persoa física".
O Goberno tamén dá trámite á Lei de telecomunicacións, que irá acompañada dunha partida de 360 millóns de fondos europeos para a dixitalización nas comunidades autónomas.
O Consello aprobou outro decreto para mellorar a frota do transporte de mercadorías e viaxeiros para adaptala a unha "nova mobilidade máis sostible".
Intervén a videpresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz.
Díaz dá conta do plan para a Inspección de Traballo. "Non reparamos, senón que nos anticipamos. Cambiamos o paradigma da Inspección de Traballo", asegura. "O que facemos é abrir o foco para ampliar a mirada, abarcando todo o que ten que ver cos dereitos dos traballadores e traballadoras, na loita contra a precariedade e a fraude".
"Ademais das discriminacións por xénero, as máis significativas son pola idade. Máis alá dos 45 anos o mercado non che deixa acceder", di a vicepresidenta.
"A día de hoxe a Inspección de Traballo ten as súas capacidades bastante limitadas", asegura Yolanda Díaz. "O que imos facer é reforzar as súas competencias e capacidades".
A modernización da Inspección de Traballo inclúe o uso da intelixencia artificial. Vanse reforzar os cadros de traballadores con persoal con novos perfís.
"A mirada agora vai ser moderna, máis próxima ás realidades da conflitividade que temos agora", di a ministra de Traballo.
A ministra de Educación, Pilar Alegría, asegura que o Goberno fai unha "aposta decidida" pola educación infantil para a creación de novas prazas de titularidade pública.
Serán 65.000 prazas públicas e gratuítas que "aliviarán moitas familias e permitirá a conciliación", asegura a ministra. "Estamos poñendo en marcha o ascensor social, desde as primeiras idades, para garantir as oportunidades para todos".
O real decreto que regula como pasar de curso desde primaria a FP e que elimina os exames de recuperación de educación secundaria, asegura a ministra que busca "adptarse ao estándares europeos". "Pon o foco na evaluación continúa", asegura.
"O sistema vai unha avaliación temprana das dificultades dos estudantes, para adoptar medidas de reforzo e de recuperación", asegura a responsable de Educación.
"Evitamos considerar a repetición de curso como a solución ás dificultades ás que se enfrontan os estudantes", di Pilar Alegría.
"Temos que detectar as dificultades, cunha maior motivación que se conseguen cando se poñen medidas para superar os problemas cando se detectan", explica a ministra.
Comeza a quenda de preguntas
"Estamos deixando a pel para alcanzar un acordo sobre a reforma laboral. Gustaríame que houbese un acordo de todas as partes", di Yolanda Díaz.
"É difícil, moi difícil. O problema está na temporalidade porque nunca se abordou en todos os anos da democracia. Imos cambiar o paradigma da contratación", asegura a vicepresidenta segunda.
"A cultura do esforzo non corre ningún risco coa nova lei", asegura Pilar Alegría.
"Xa sei que isto xera moito interese, pero o diálogo social require dunha ferramenta que é a discreción. Non vou entrar en futuribles sobre cuestións que non están na mesa do diálogo social", di Yolanda Díaz sobre novas reformas nas pensións. "Somos o primeiro Goberno que lonxe de recortar o sistema de pensións o que facemos e garantilo e darlle máis ingresos".
Finaliza a conferencia de prensa.