Condenan a Pandolo a 24 anos de cárcere por asaltar unha casa en Ordes e tentar matar dúas persoas
Os maxistrados da Audiencia Provincial da Coruña entenden que houbo "intención de acabar coa vida" das vítimas do asalto e rexeitan que haxa alteración psíquica do acusado
A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou a 24 anos e 4 meses de cárcere a José Manuel Martínez, máis coñecido como Pandolo (considerado un perigoso atracador, con múltiples antecedentes penais e con condenas anteriores por tentativa de homicidio), a 24 anos e catro meses de cárcere polo asalto a unha vivenda en Ordes, na madrugada do 31 de maio de 2023, coa intención de roubar e portando unha arma de fogo sen licenza.
Durante o intento de subtracción dun vehículo, disparou en varias ocasións. Os maxistrados entenden que o fixo "coa intención de acabar coa vida" de dous dos residentes na casa.
No fallo, informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), considérao autor de dous delitos de homicidio en grao de tentativa, concorrendo a circunstancia agravante de reincidencia, dun delito de roubo con violencia en casa habitada, dun vehículo de motor en grao de tentativa, dun delito de tenza ilícita de arma curta sen licenza e con número de serie borrado, dun delito de coaccións e dun delito leve de furto.
A sala entende probado que actuou con dolo directo, evidenciado polo uso da arma e a violencia empregada. O tribunal non aprecia a eximente de alteración psíquica, dado que os informes forenses indicaron que non presentaba alteracións que afectasen a súa capacidade de comprender a ilicitude dos seus actos.
"Non quixen matar a ninguén", manifestou ao termo do xuízo no que a súa defensa pedía a libre absolución ao alegar que padece "esquizofrenia". "Non existe ánimo homicida en ningún dos casos", recalcaba o avogado. En concreto, respecto ao disparo que feriu a un dos habitantes da casa, dixo que foi "froito dun forcexo". "Por tanto, non é un homicidio en grao de tentativa senón un delito de lesións con instrumento perigoso", especificaba.
Na súa declaración Pandolo proclamaba a súa inocencia. "Fixen catro ou cinco disparos ao aire para que visen que tiña unha arma de fogo e non se me achegasen", manifestou. "Entrei por comida", expuxo para apuntar que "non levaba intención de roubar o coche, xurdiu, roubei coches toda a miña vida", engadiu en relación ao acceso á vivenda cando seis membros que estaban nela atopábanse durmindo.
"Se puidese matábanos a todos", coincidían as vítimas o día en que declararon. Así, dixeron que o acusado lles disparou "directamente" a unha distancia de "menos de dous metros" a un dos homes ao que feriu no abdome.
A continuación, engadiron que realizou un disparo "dirixido" á esposa do ferido que foi errado. Acto seguido, a nai do accidentado abalanzouse sobre o acusado, recibiu unha puñada e caeu ao chan. "Apuntoulle á cabeza e díxolle: 'Buscáchelo ti', escoitei un clic, por sorte a pistola debeuse de atascar", detallou o fillo. "Se non falla a pistola, estamos todos mortos", insistiu.
Longo historial delituoso
O 19 de xaneiro pasado o xuízo contra Pandolo quedaba visto para sentenza na Audiencia Provincial da Coruña. Aquela fora a súa última aparición pública.
O seu verdadeiro nome é José Manuel Martínez Quintáns, un dos delincuentes máis temidos de Galicia dende os anos 90. Ten 52 anos foi detido en 55 ocasións, polo que o cárcere é máis o seu fogar que o que tivo que abandonar en Mazaricos de moi novo por problemas coa Xustiza.
Na súa bagaxe delituosa hai múltiples antecedentes por roubos, asaltos, intentos de agresión sexual e tamén de homicidio. Mesmo por disparar contra axentes da Garda Civil polo que foi condenado a 20 anos de cárcere xa no 2007. Moitos dos delitos cometidos foron durante permisos penitenciarios dos que se aproveitaba para fuxir.