"Non quixen matar a ninguén", asegurou Pandolo na última sesión do xuízo
A Fiscalía acúsao de tres tentativas de homicidio nunha casa de Ordes á que accedeu en maio de 2023
Enfróntase a 36 anos e 3 meses de cadea
"Eu non quixen matar a ninguén. Se disparase dentro do coche, quedaría o cartucho dentro do coche. Eu non disparei dentro do coche. A pistola disparouse cando eu xa estaba na estrada, cando me dispuña a marchar".
Deste xeito, José Manuel Martínez, coñecido como Pandolo, volveu a declararse inocente ao final do xuízo. O seu avogado, nas súas conclusións finais, solicitou a libre absolución e fixo unha cualificación distinta dos tres delitos de intento que homicidio polos que o Ministerio Público investiga o acusado.
"Nun deles non queda acreditado que tivese esa intención, senón máis ben a de intimidar. En canto ao que resultou ferido, que si foi un forcexo, non é un homicidio en grao de tentativa como o cualifica o Ministerio Fiscal, senón que son unhas lesións cun instrumento perigoso. E no terceiro non queda acreditado que el accionase o gatillo. A nós chámanos a atención que catro persoas relatasen os feitos do mesmo xeito. E queriamos facerlle ver ao tribunal que esa obxectividade dos feitos non é total como sostén o Ministerio Fiscal", explica José Martín Fuentes, avogado da defensa.
Entende a defensa que existe unha eximente completa dada a situación da súa esquizofrenia sen tratar ou, en todo caso, unha atenuante moi cualificada. Amais asegura que o informe forense presenta unha anomalía.
"Consistente en que o informe foi realizado por un só forense cando a lei obriga a que sexan dous. E non é especializado en psiquiatría e entendemos que debería selo", engade Martín Fuentes.
A fiscalía elevou a súa petición de 36 anos e tres meses de cadea por tres tentativas de homicidio, a definitiva.
Xa no 2007, Pandolo fora condenado a 20 anos de prisión por disparar, en Sada, contra a patrulla da Garda Civil que lle deu o alto. Nada máis obter o terceiro grao, a finais do 2023 matou, presuntamente, un home en Mazaricos e outro en Culleredo, que despezou e esparexeu os seus restos en bolsas de lixo polos montes de Mazaricos. Dous crimes polos que segue pendente de xuízos.