Condenado a tres anos e oito meses de cárcere por intentar matar a tiros o seu socio en Cerceda
A Audiencia Provincial da Coruña condenou a tres anos e oito meses de cárcere un home por intentar matar a tiros o seu socio nunha granxa en Cerceda.
A sentenza considera o acusado culpable dun delito de homicidio en grao de tentativa, coa atenuante de reparación do dano, e outro de tenza ilícita de armas.
Así, a condena é de dous anos e oito meses de prisión por tentativa de homicidio e doutro ano de prisión por posesión de armas, ademais prohíbelle aproximarse ou comunicarse coa vítima durante dez anos e imponlle unha indemnización de 10.000 euros.
A sentenza sinala que tras unha discusión telefónica co seu socio, o procesado, en estado de embriaguez, armouse cunha pistola -para a que carecía de licenza- e dirixiuse á explotación gandeira, situada en Cerceda, onde estaba a vítima.
Unha vez alí disparoulle en varias ocasións -con intención de matar, segundo o tribunal-, pero o afectado logrou refuxiarse e alertar os servizos de emerxencias para solicitar auxilio.
Ao disparar dúas veces contra a súa vítima, "actuou con coñecemento directo do perigo xerado co seu inopinado ataque, e con indiferenza cara á produción do resultado de morte que, obviamente, identificou como probable", segundo a resolución.
Engade que cando a vítima xa se atopaba parapetada tras un muro, o seu socio "persistiu na dinámica agresiva e requiriulle varias veces que asomase a cabeza, expresión incompatible cunha renuncia seria ao propósito homicida".
Ese comportamento, segundo o ditame, "non revela unha vontade de desistir, senón a busca dunha nova oportunidade de disparo sobre unha zona vital", indica a sentenza.
Na vista oral do xuízo, o acusado alegou que a situación era derivada dunha discusión entre ambos e que nunca quixo matar o seu socio, do que tamén é familia.
"Quería disparar ao aire a ver se lle daba un susto, que foi o que fixen, disparar ao aire", asegurou.
A vítima, en cambio, declarou que lle dixo "voute poñer coma un coador" e, cando estaba escondido, repetíalle "ensina a cabeza, ensina a cabeza".
A sentenza non é firme, pois cabe interpoñer recurso de apelación ante o TSXG.