Condenado a oito anos de cadea por abusar dunha muller con discapacidade en Lugo
O tribunal prohíbelle achegarse á vítima ou comunicarse con ela durante o prazo de dez anos
O condenado deberá indemnizala con oito mil euros polos danos causados

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a oito anos e medio de prisión un home acusado de abusar sexualmente de forma continuada dunha muller con discapacidade intelectual.
O tribunal prohíbelle achegarse á vítima a menos de 300 metros e comunicarse con ela por calquera medio durante o prazo de dez anos.
O condenado deberá indemnizala con oito mil euros polos danos causados.
Na sentenza precisan que a vítima “está diagnosticada cunha discapacidade intelectual leve” e ten un nivel de desenvolvemento “psicolóxico e madurativo inferior, o cal inflúe no seu xeito de expresarse e de relacionarse” e tamén “na súa interpretación dos feitos”.
Fan constar ademais que a muller ten recoñecida unha discapacidade do 65,5 % e esa condición resulta “apreciable no trato ou relación con ela desde un primeiro momento”.
Os xuíces salientan que o acusado, “aproveitando unha maior vulnerabilidade da vítima, derivada da súa discapacidade mental, logrou que acudira a un lugar onde poder desenvolver o seu propósito”.
Concretamente a unha lavandería propiedade do seu propio fillo, onde o condenado cometería os abusos sexuais.