Publicador de contidos

Publicador de contidos

Condenado a 20 anos de cárcere o autor do asasinato dun mozo en Salceda de Caselas

Condenado a 20 anos de cárcere o autor do asasinato dun mozo en Salceda de Caselas

A sentenza salienta que é "absolutamente desproporcionado o resultado (a morte) co suposto detonante da mesma (tirarlle unha copa minutos antes nun local de lecer)"

O xurado ve culpable de asasinato con aleivosía o acusado do crime de Salceda

O condenado, no xuízo que se celebrou na Audiencia de Pontevedra (TVG) O condenado, no xuízo que se celebrou na Audiencia de Pontevedra (TVG)
G24.gal 08/05/2026 13:59

A Audiencia Provincial de Pontevedra, de conformidade co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a 20 anos de cárcere, como autor dun delito de asasinato con aleivosía, o home que matou a puñaladas, en xuño de 2019, un veciño de Salceda de Caselas de 25 anos.

Ademais da pena de prisión, imponlle o pago dunha indemnización de 70.175 euros a cada proxenitor e de 24.836,07 euros a cada irmán da vítima.

Na sentenza destaca que o xurado entendeu acreditado que faleceu polas feridas que lle causou a arma branca ao perforarlle o corazón, así como que fundamentou a aleivosía na sorpresividade do ataque, dirixido a zonas vitais, e a falta de oportunidades de defensa da vítima.

Neste caso, a maxistrada presidenta explica que o Tribunal do Xurado "non ve suficientemente motivado o asañamento polo tipo de feridas sufridas pola vítima e a inmediatez das mesmas e do propio falecemento".

Ademais, no fallo sinala que o grao de culpabilidade é "o máximo neste caso", xa que sostén que é "absolutamente desproporcionado o resultado (a morte) co suposto detonante da mesma (tirarlle unha copa minutos antes nun local de lecer)". Desta forma, recalca que "a vítima non concorreu, en ningún caso, nin sequera minimamente, á provocación do procesado, que traía de casa unha arma branca e non dubidou en utilizala en canto tivo ocasión".

Na resolución, destaca as declaracións das testemuñas, "tanto as que tiveron un altercado previo dentro da discoteca, que percibiron o ánimo de "buscar pelexa" que tivo o procesado esa noite, como os que viron como a vítima trataba de desculparse e mesmo de pagarlle outra copa, sen poder convencer o que logo sería o seu asasino, nunha actitude conciliadora, non violenta da vítima".

A sentenza non é firme, xa que contra ela cabe presentar recurso ante a Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade