Publicador de contidos
Publicador de contidos

Concellos, particulares e empresas recollen produtos para enviar a Valencia

Concellos, particulares e empresas recollen produtos para enviar a Valencia

Desde o concello de Mos saíu este sábado cara ao Levante persoal do Servizo Municipal de Emerxencias

Levan vehículos especializados, material de liberación, bombas de achique e xeradores eléctricos

En Lugo, unha empresa de transportes levará uns tres camións con alimentos, roupa e produtos de hixiene

G24.gal 02/11/2024 21:08 Última actualización 02/11/2024 21:38

A Federación Española de Municipios e Provincias facía un chamamento para a recollida de material e alimentos para enviar aos afectados pola DINA.

En Galicia moitos concellos están a responder habilitando puntos de recollida de produtos de primeira necesidade. Tamén están a organizar iniciativas de voluntariado. 

Colaboran concellos, particulares e empresas, coma esta de transportes de Lugo. Están a recoller alimentos que non precisen ser cociñados, auga e produtos de limpeza e de hixiene para trasladalos ata Valencia. 

"O que nos chegue imos facelo chegar todo e xa comentamos con varias empresas e se doan máis material, xa doutro tipo, nós farémonos cargo do transporte", di Manolo Gallardo, da empresa de Transportes Gallardo Cervantes.

Nesta empresa de transportes contan encher polo menos tres camións. O primeiro vai estar no Levante xa o domingo e o resto o luns. 

Desde o concello de Mos saía este sábado cara a Valencia persoal do Servizo Municipal de Emerxencias para colaborar nas tarefas de axuda. En total son 5 efectivos, 3 do Grupo de Emerxencias Supramunicipal e 2 voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Mos.

Permanecerán na zona afectada pola DINA uns 10 días. Levan vehículos especializados, material de liberación, bombas de achique e xeradores eléctricos.

"Tiven a posibilidade de falar co xefe de comunicación da alcaldesa e poder detallarme o máis necesario e que chegase o mais rápido que son os equipos que dan a posibilidade de dar corrente eléctrica", destaca Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos.

A asociación de voluntariado Mos Axuda abría tamén as portas este sábado e os particulares levaban os produtos máis demandados.   

Moita solidariedade tamén en Compostela. Protección Civil recollía máis produtos de primeira necesidade.

E na Coruña, nas instalacións do Estadio de Riazor, repetíanse imaxes similares, con xente levando produtos aos puntos de recollida.

Estes son só un exemplo. Outros moitos particulares están a colaborar en toda Galicia movidos pola solidariedade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade