Publicador de contidos

Publicador de contidos

Como aforrarmos na factura da luz? A Unión de Consumidores de Galicia dá estes consellos

Como aforrarmos na factura da luz? A Unión de Consumidores de Galicia dá estes consellos

Revisar a potencia contratada pode supoñer aforros de ata 70 euros ao ano.

A UCG recoméndalles aos usuarios con bono social permanecer no mercado regulado

Os demais usuarios poden atopar no mercado libre ofertas por case a metade de prezo

G24.gal 06/03/2022 14:12

A Unión de Consumidores de Galicia dános estes consellos básicos para aforrar na factura da luz. En primeiro lugar, revisar se a potencia contratada se axusta ao que realmente consumimos.

Puidemos observar como a práctica totalidade dos galegos e galegas están pagando máis potencia da que realmente utilizan, nalgúns casos máis graves, o dobre da que utilizan, pero cando menos un 20 ou un 30 por cento. Como podemos traducilo? Pois en aforros de entre 30, 40 e 70 euros ao ano en función do exceso de potencia que teñamos contratada e non utilicemos, explica Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia. 

A recomendación da Unión de consumidores é que os usuarios que teñan o bono social permanezan no mercado regulado. Para os demais, buscar alternativas no mercado libre si pode supoñer un aforro considerable na factura.

A un beneficiario do bono social, a día de hoxe e ata o 30 de xuño, váiselle aplicar un desconto do 60 por cento. Vai ser difícil que atope no mercado libre ofertas que cheguen ata ese nivel de desconto. Para todas aquelas outras persoas que non sexan beneficiarias do bono social, podemos comprobar que, coa evolución que está a ter a enerxía no mercado regulado, podemos atopar ofertas pola metade de prezo por quilowatt hora consumido, asegura Miguel López.

No caso do gas, dáse a situación contraria. O mercado regulado ofrece prezos notablemente inferiores. 

A mellor opción con moita diferenza é o mercado regulado. Pódese facer a comparativa na web da Comisión Nacional dos Mercados e verase que a mellor das ofertas no mercado libre pode ser case superior no dobre ao prezo do gas no mercado regulado.

O prezo medio da luz no mercado almacenista é hoxe oito veces mais caro que hai un ano. A diferenza é aínda maior se retrocedemos dous anos atrás, cando o prezo da luz era 14 veces máis barato.


 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade