Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comezan os festexos polo Esquecemento en Xinzo de Limia

Comezan os festexos polo Esquecemento en Xinzo de Limia

Este domingo as tropas romanas volverán cruzar o río Lethes para loitar contra os castrexos

G24.gal 18/08/2023 21:48 Última actualización 18/08/2023 22:53

En Xinzo ultiman os preparativos para unha das súas festas con máis sona, a do Esquecemento. Este domingo as tropas romanas volverán cruzar o río Lethes para loitar contra os castrexos e invadir Gallaecia. Non falta nin o campamento, nin o mercado, nin a ambientación que merece unha festa histórica coma esta, que se prolonga durante toda a fin de semana.

Xinzo de Limia prepara a súa volta o ano 137 antes de Cristo.

"Baseámonos nun feito histórico que moi probablemente sucedera nesta zona, que é a chegada das tropas romanas comandadas polo xeral Décimo Xuño Bruto, e que iniciou a súa conquista da Gallaecia camiño o Finis Terrae por aquí, polo río Lethes. Estamos orgullosos, reivindicámolo, e iso fai que sexa especial, que sexa distinta e que sexa moi nosa tamén", explica Marcos Argibay, presidente da Asociación cultural Civitas Limicorum.

O caso é que os romanos vencen os castrexos e invaden Gallaecia, despois de atravesar o río Lethes, ese que dicían facía perder a memoria a quen o cruzaba. 

"Hai un pouquiño de todo, principalmente din que é historia. Din que non se sabe exactamente se foi aquí xusto neste punto onde Décimo Xuño Bruto cruzou o río. Pero máis que nada está situado no río Limia, por esta zona da Limia. Si, hai esa parte de historia onde é o que din: que Décimo chegou, cruzou e conquistou", apunta Ana Lozano Márquez, da Asociación cultural Civitas Limicorum.

Haberá actividades durante toda a fin de semana. Os festexos comezan coa apertura do campamento romano castrexo, o Macellum, o mercado de artesanías, e o desfile nocturno. Nel participan máis de 500 persoas que acompañan as vestais no acendido do lume sagrado. Ese que din, servirá para alumealos nestes tres días de historia, lembranza e festa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade