Comeza unha pretemporada ilusionante para o Breogán
O club celeste comezou hoxe os adestramentos de pretemporada con Luis Casimiro ao mando
Pablo Hernández incorpórase ao grupo para axudar nos días iniciais de traballo
Un dos días marcados en vermello no calendario breoganista chegou este luns, xa que o balón volveu botar na pista do Pazo co inicio dos adestramentos por parte do Breogán. Luis Casimiro e todo o seu corpo técnico tiveron a súa primeira sesión con doce dos quince xogadores que realizarán a pretemporada.
As únicas ausencias nesta xornada de toma de contacto coa idea de xogo que busca implementar Luis Casimiro no seu novo grupo –xa coñecen o sistema do técnico manchego– son Jordan Sakho, que terminou a súa participación no Afrobásket, e Arturs Kurucs, que comezará a súa andaina no Eurobásket.
Para completar os adestramentos durante a preparación da nova tempada, o club anunciou a incorporación do santiagués Pablo Hernández, que xoga como pivote e militou na pasada campaña no Zunder Palencia. Únese ao aleiro italiano Ricardo Visconti e ao lucense Néstor Viño.
En canto ao mercado de fichaxes, o Río Breogán foi un dos primeiros equipos da competición en facer os deberes en canto ao seu novo equipo. O día 8 de xullo foi cando o club realizou o seu último reforzo.