Comeza o xuízo contra 11 persoas acusadas de fabricar e vender narcolanchas en Vigo e Portugal
Na fase das cuestións previas, os avogados da defensa solicitaron a nulidade do procedemento
Os acusados declararán ao remate da práctica da proba e a vista oral está fixada para o 16 de febreiro
Na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, comezou o xuízo contra once persoas acusadas de pertenceren a unha organización criminal dedicada á construción e venda de narcolanchas, entre Vigo e Portugal. Enfróntanse a penas que suman 59 anos e medio de prisión e a multas de máis de 80 millóns de euros.
No trámite das cuestións previas, os avogados da defensa solicitaron a inhibición da xustiza española a favor da lexislación portuguesa porque as embarcacións acababan de construírse -din- no país veciño. Consideran que, ademais de que ten que ser anulado o procedemento porque a competencia territorial, entenden, é da Audiencia Nacional, os feitos sucederon en varias provincias españolas. Non debe ser xulgado polo tanto na Audiencia Provincial en que compareceron os 11 acusados, 3 deles de xeito telemático.
A rede foi desmantelada na operación Endurance, levada a cabo pola EDOA da Garda Civil. Os axentes conseguiron desartellar unha organización dedicada á construción e venda de narcolanchas.
Segundo a Fiscalía tiñan unha infraestrutura "empresarial, persoal e material" para construír estas embarcacións que ían ser destinadas ao tráfico de drogas. Tiñan unha nave en Cotogrande, Vigo, e varias no norte de Portugal. Os acusados coordinaban os encargos, financiaban, ocupábanse da contabilidade, construían ou transportaban as embarcacións.
A Fiscalía pide para os 11, en función da súa participación, penas que van dos 2 aos 9 anos de cárcere.
Os acusados declararán, a petición dos seus avogados, ao remate da práctica da proba. A vista oral está fixada para o 16 de febreiro.