Comeza o primeiro retorno da operación especial de tráfico da Semana Santa
Poden producirse problemas de circulación, entre as 13:00 e as 23:00 horas, nos eixes viarios principais
O Luns de Pascua producirase o segundo retorno nas comunidades autónomas nas que é festivo

Comeza o primeiro retorno da operación especial de Tráfico nas comunidades de Andalucía, Aragón, Asturias, Canarias, Cantabria, Castela-A Mancha, Castela e León, Estremadura, Galicia, Madrid e Murcia.
Durante todo o día, a Dirección Xeral de Tráfico porá en marcha medidas extraordinarias de ordenación e regulamentación para favorecer a entrada de vehículos aos grandes núcleos urbanos.
Segundo a DXT, poden producirse problemas de circulación, especialmente entre as 13:00 e as 23:00 horas, nos principais eixes viarios de comunicación que canalizan todo o movemento de retorno da Semana Santa.
Pola súa intensidade, os puntos críticos estarán na rede de interese xeral, nas autoestradas e autovías, nas comunicacións do litoral e, xa a última hora da tarde, nos accesos ás grandes cidades.
Segundo retorno
O Luns de Pascua producirase o retorno nas comunidades nas que é festivo: Cataluña, Comunidade Valenciana, Illes Baleares, Navarra, País Vasco e A Rioxa. Tráfico tamén prevé problemas de circulación entre as 13:00 e as 23:00 horas.
No resto de autonomías tamén se producirán movementos de retorno, xa que nalgunhas delas ata o martes non se retoman as actividades escolares e universitarias.