Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comeza o outono climatolóxico, con chuvia e tempo inestable

Comeza o outono climatolóxico, con chuvia e tempo inestable

Aemet activou o aviso por chuvia para esta tarde no litoral coruñés

Agárdase unha fin de semana de tempo inestable e temperaturas agradables 

 

G24.gal 01/09/2023 14:36

Follas marróns, ceo gris e paraugas. Setembro píntase de outono e trae un tempo do máis revolto para as próximas horas.

"As precipitacións comezan arestora pola provincia da Coruña e se van ir estendendo a medida que avance a tarde ao resto de Galicia, vai haber chuvia persistente e por momentos de intensidade moderada", explica Juan Taboada, técnico de Meteogalicia.

Por iso, a Aemet activou o aviso por chuvia na costa coruñesa para esta tarde. Pero os paraugas farán falta en toda Galicia, para alegría duns e pesar dos que querían aproveitar algo máis de praia.

"Eu quería bo tempo, pero fai falta chuvia"; "Eu veño da meseta, agradezo o fresco e a chuvia"; "A min dáme baixón, estamos en setembro, quero tempo de verán e non de outono. E como teñas que volver ao traballo, peor aínda", comentan algúns paseantes.

A fronte marchará mañá, pero deixará paso a uns días de tempo inestable e temperaturas mornas. 

"O sábado e o domingo irán alternando as nubes e os claros. Haberá chuvascos irregularmente repartidos, sempre máis probables nas tardes e no interior", engade Juan Taboada.

O anticiclón podería regresar a partir do martes. Así que non garden o traxe de baño moi lonxe, que aínda hai moito partido para os que collen vacacións en setembro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade