Comeza este sábado no Sar a considerada mellor Copa Galicia da historia
O sábado xogaranse as semifinais e o domingo, ás 19:00 horas, veremos a final na G2
O Multiúsos Fontes do Sar acolle a primeira gran festa do baloncesto galego. Segundo o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, a que será "a mellor Copa Galicia de toda a historia". Dos catro equipos tres deles xogan na ACB e o outro é un cadro con aspiracións na Primeira Feb.
A primeira semifinal enfronta este sábado ás 18:30 horas ao Leyma Coruña diante do Club Ourense Baloncesto. A priori é o partido máis desequilibrado dos tres que se van xogar pero a sabedoría de Moncho López pode xogar un papel fundamental diante dun conxunto coruñés que recuperou un lugar na elite do baloncesto español.
Ás 20:30 horas comezará a segunda, todo un Monbus Obradoiro-Río Breogán. O equipo lugués é o que defende o título acadado o ano pasado e busca o seu 17º galardón. Diante estará un Obradoiro que tamén volveu á Liga Endesa e que xoga diante dos seus seareiros. A gran final xogarase o domingo ás 19:00 horas, en directo pola G2.