Declaran testemuñas e investigadores no xuízo polo crime do barrio das Flores
O fillo da caseira atopou o cadáver sete días despois do asasinato
Nesta xornada, un dos veciños do falecido contou que a semana anterior á que aconteceran os feitos, viu saír da casa da vítima o agora acusado e pechar a porta con chave. Pensou que estaría ingresado e que lle encargara ao investigado vixiar a vivenda. Non lle deu máis importancia. Porén, días despois, ao non saber del, chamou outro residente do barrio e xa lle contou que estaba morto.
O cadáver atopouno o 30 de setembro de 2021, sete días despois do asasinato, o fillo da caseira. Contou que cando abriu a porta da vivenda notou un forte cheiro e antes de chegar ao andar superior sentiu que estaba pisando sangue e xa viu os pés da vítima. Así que pechou a porta e foi canda un veciño para chamar a policía.
Declarou tamén o fillo da vítima. Asegurou que seu pai, co que quedaba de cando en vez, era moi reservado e que non levaba xente á casa salvo que fose de moita confianza. Tamén dixo que non lle constaba que tivese problemas con ninguén.
Outra das testemuñas que traballa nunha asesoría expuxo que a vítima, coa que mantiña unha relación de amizade desde había trinta anos, lle contara que o agora procesado lle debía 2.700 euros e que como non llos daba pagado quería documentar un préstamo.
Tamén declararon axentes encargados da investigación que analizaron entroutras cousas as cámaras de tráfico e os móbiles que, segundo a acusación particular, sinalan como culpable ao agora investigado.
Porén a defensa explicou nesta xornada que as probas que presenta a policía demostran que o seu clientes frecuentaba a vivenda do falecido, pero que non poden acreditar que estivese nesa casa o día de autos.
O xuízo continúa mañá coa declaración de máis investigadores. O xoves e o venres será a quenda dos forenses.