Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comeza a demolición do van no viaduto de Pedrafita e que levará "dous ou tres días"

Comeza a demolición do van no viaduto de Pedrafita e que levará "dous ou tres días"

Desde o Goberno sinalan que a solución definitiva para reparar a infraestrutura chegará cando finalice a investigación sobre as causas da derruba

Traballos no viaduto do Castro na A-6 (EFE/Eliseo Trigo)
G24.gal 17/08/2022 12:48 Última actualización 17/08/2022 14:47

Este mércores á mañá comezaron os traballos de desmonte do van da A-6 que quedou en pé no medio dos dous que se derrubaron no mes de xullo pasado. 

Un gran guindastre instalouse no viaduto da Autovía do Noroeste en sentido Madrid, que permanece intacto, para comezar eses labores.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez desprazouse ata o lugar, acompañada pola súa homóloga na provincia de León e da directora de Estradas do Ministerio de Transportes (Mitma) na provincia de Lugo.

Isabel Rodríguez dicía que estes traballos son un "novo paso no compromiso coas conexións viarias de Galicia" e que "o Goberno non deixou de traballar nin un só momento", xa que a recuperación do tráfico na A-6 "é unha prioridade".

A directora de Estradas de Lugo, Beatriz González, explicou que o desmonte do van da autovía vai levar dous ou tres días. "Unha vez que estea no chan, xunto cos outros, teremos que seguir investigando", dicía.

Referíase á investigación das causas da derruba que aínda está en marcha. Dos resultados desas pescudas depende a solución definitiva que se vai dar para reconstruír a infraestrutura danada.

A subdelegada do Goberno en Lugo, non descartaba que haxa que realizar novas demolicións, pero que iso vai depender precisamente do que se detecte na investigación.

A subdelegada tamén lembrou que o Mitma continúa traballando para que un novo desvío "estea operativo no outono" e permita "axilizar máis o tránsito co paso de vehículos especiais", aos que ademais o Goberno está a bonificar "o 100 % das peaxes das autoestradas AP-9 e AP-53".

"Sabemos que a conexión de Galicia a través da A-6 é vital para a cidadanía galega e para o tecido empresarial. Por iso, este Goberno está a poñer todos os recursos, cos mellores técnicos especialistas a nivel mundial e as mellores empresas, para acometer todas as actuacións e restablecer canto antes a normalidade nesta importante arteria de comunicación para Galicia que é a autovía A-6", manifestou Rodríguez.

No outono espérase poder habilitar un novo desvío por un dos ramais do enlace da autovía para que os vehículos transiten por un dos túneles e accedan á nacional sen ter que cruzar a vila. Alternativa que durante as noites se usará  no sentido contrario para os transportes especiais. 

Os traballos de desmonte do van 2 do viaduto do Castro -no punto quilométrico 430, sentido A Coruña da A-6- desenvólvense "priorizando a máxima seguridade dos operarios", polo que os medios auxiliares necesarios para desmontar o van sitúanse fóra dos viadutos con medios mecánicos operados de forma remota.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade