Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comeza a campaña marisqueira na ría de Noia cun mes de atraso e con moito pesimismo

Comeza a campaña marisqueira na ría de Noia cun mes de atraso e con moito pesimismo

Hai marisco, pero non dá a medida comercial

Un 80 % das crías morreron polo exceso de choiva durante o inverno

Uns 1.700 profesionais viven en Noia do marisqueo
G24.gal 16/10/2023 13:49

As previsións para esta campaña marisqueira que abriu hoxe en Noia son de todo menos optimistas. "Os mostreos a verdade é que deron moi mal, pero imos ver que hai", comentan uns mariscadores.

Aínda non abrira o día e comezaban a saír os mariscadores de superficie. Os de a pé tiveron que agardar ata o mediodía. En Noia unhas 1.700 familias viven desta actividade. A campaña tiña que comezar a mediados de setembro, pero foi adiada porque os bivalvos non daban a medida mínima comercial. Xa en xaneiro, cando rematou a anterior campaña, intuíron que viñan tempos difíciles.

"O ano pasado houbo unha mortaldade tremenda debido á inmensa cantidade de choiva e á xestión do encoro Barrié de la Maza, como xa nos queixamos moitas veces de que hai que facer un protocolo de desencoros urxente para que non acabe coa nosa praia", apunta outro.

A campaña prevese curta e comeza con topes de captura moito máis baixos do habitual.

"Podías empezar con 20, con 30 quilos, pero este ano empézase con 5 de berberecho e 2 de ameixa, non é moi bo sinal", explican. Hoxe déronlles máis tempo para coller o tope, pero nin así. "En dúas horas, o traballo dun home, en dúas horas. Hai anos bos e anos malos, toca ano malo", din con resignación.

"Unha desgraza, isto é unha miseria, non hai absolutamente nada, a praia está pelada, parece un último día de campaña, isto é un desastre, se non se van pedindo axudas, non sei que nos queda", di unha mariscadora. 

"A solución non é esa, nós non queremos vivir das axudas, queremos vivir do marisqueo, que temos aí a praia chea de marisco, de cría moitísima", explica Santiago Cruz, patrón maior da confraría de Noia

Agora toca agardar á tarde para ver o prezo que acada na lonxa, pero esta campaña que debería rematar en marzo a dan por perdida e xa pensan en como salvar as seguintes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade