Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comesaña: "O maior problema é a falta de médicos de familia, agardamos que o Goberno volva ao antigo MIR"

Comesaña: "O maior problema é a falta de médicos de familia, agardamos que o Goberno volva ao antigo MIR"

Este luns remata a campaña de vacinación de gripe, cos mellores datos "nunca acadados ata agora"

"As decisións de retirar a máscara no transporte público hai que facela con criterios técnicos e non se discutiu", di o conselleiro de Sanidade

G24.gal 30/01/2023 10:32

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, estivo esta mañá na entrevista do 'Bos días' para falar dos asuntos que atinxen o seu departamento.

Comesaña comezou falando da vacinación da covid, que presenta os mellores datos de todo o estado.

"Nós levamos tempo insistindo, pero a poboación galega respondeu favorablemente e temos as porcentaxes de vacinación máis elevadas de todo o estado nos maiores de oitenta e mesmo entre os de 60-69 estamos 30 puntos por riba dos datos do estado; aínda así, cremos que é importante seguir insistindo nesa prevención".

O conselleiro de Sanidade explica que a situación da loita contra a covid en Galicia está baseada en dous piares: nas características da variante actual, que "por iso estamos secuenciando para detectar novas variantes", e sobre todo "tamén se basea na vacinación".

"Insistimos en que os maiores de 60 anos e as persoas con factores de risco se vacinen, por iso tamén estamos vacinando nas fins de semana para facilitalo, e tamén abrimos a vacinación ás persoas que convivan con persoas con risco".

"O sistema de loita contra a covid está sendo efectivo", di García Comesaña.

Di Julio Comesaña que o sistema de loita contra a covid está sendo efectivo, e lembra que agora está funcionando a autocita.

Salienta Comesaña "o enorme traballo que están facendo os profesionais sanitarios na loita contra a covid e o enorme traballo que está a facer o equipo sanitario nestas campañas de vacinación, que esta é a cuarta".

Este luns remata a campaña de vacinación de gripe, cos mellores datos "nunca acadados ata agora"

Remata este luns a campaña de vacinación da gripe con datos "moi positivos" canto ao número de vacinacións e tamén coa novidade da franxa infantil de entre 5 meses e 69 meses.

"A vacinación infantil foi unha novidade este ano canda a do papiloma humano e a do meningococo, e acadamos unha porcentaxe de máis do 50 %. Iso manifesta que os pais son sensibles ao tema da gripe. Isto é fundamental para diminuír os efectos e tamén para rachar as cadeas de transmisión coas persoas máis maiores. O ofertar aos maiores conxuntamente as vacinas da covid e da gripe levounos a ter uns datos de vacinación que nunca tiveramos en Galicia".

"As decisións de retirar a máscara no transporte público hai que facela con criterios técnicos e non se discutiu", di o conselleiro de Sanidade.

O día 7 de febreiro o Goberno central está previsto que leve ao Consello de Ministros a retirada da máscara no transporte público, e só se manterá a obriga de levala en centros sanitarios e farmacias. Se se aproba, entraría en vigor o día 8 de febreiro. 

O conselleiro de Sanidade lamenta que esta decisión non se debatese coas comunidades autónomas.

"Esta decisión gustaríame que chegara doutra maneira. Estas decisións sempre dicimos que hai que tomalas con criterios técnicos, cando se poñen e cando se quitan. Lamentablemente neste caso non se discutiu este tema e tivemos a noticia pola prensa de que vai ao consello de ministros o día sete. É como se levan facendo moitas cousas no marco da covid, fóra do marco técnico, que é o que nós pedimos".

A sanidade aumenta os cribados para a detección precoz de certos tipos de cancro

A semana pasada Sanidade anunciaba no Parlamento importantes novidades para a prevención do cancro coa ampliación dos cribados.

"Galicia vai por diante nos cribados, tanto de mama, como colorrectal e de colo de útero, do que está establecido en España e tamén en Europa. Imos rematar agora a incorporación de todas as áreas sanitarias do cribado de colo de útero e imos ampliar a idade de mama e colorrectal. Somos a primeira comunidade autónoma que baixa a dade do cribado de mama aos 45 anos ata os 74. Aumentamos o 50 % a poboación diana para o cribado de mama".

Salienta Comesaña que Galicia tamén avanza en proxectos, esbozados por Europa, no cribado de pulmón e no cribado de próstata. Tamén avanzamos no cribado de neonatais. En Galicia faise o cribado de 30 patoloxías fronte a 7 que están na cartilla básica de servizos de todo o estado; agora engadimos tres máis para avanzar nesa detección precoz, de enfermidades tan críticas como a medula espiñal bífida sexa detectada nos primeiros meses e poder comezar os tratamentos.

Máis investimento en sanidade e en cribados para 2023

A saúde pública incrementou os presupostos "un 17 % para 2023, para acadar por primeira vez os 106 millóns de euros e tamén nos cribados incrementamos case tres millóns de euros" para rematar a implantación do do cancro de colo de útero e para esbozar as primeira liñas de cribados de cancro de pulmón e próstata.

O programa de prevención de cancro de mama acaba de facer 30 anos "cuns datos moi favorables de detección precoz e de aí os resultados finalmente do tratamento", di Julio Comesaña.

"Sobre a ampliación do calendario de vacinación de adultos, presentamos en setembro o primeiro calendario de vacinas para a toda a vida que crea en España e froito dese calendario incorporamos o herpes zóster, ampliamos o pneumococo de 13 serotipos a vinte serotipos e seguimos traballando intensamente na vacinación da gripe".

Ímoslle pedir ao Ministerio que volva ao sistema de antes para acceder ás prazas MIR

Desde o Parlamento galego váiselle pedir ao Goberno Central que modifique o modelo de obtención de prazas MIR.

"Ímoslle pedir que volva ao sistema de antes, que a persoa que superou o exame MIR e pode escoller que teña toda a oferta de prazas. O ano pasado nun contexto de falta de prazas de familia comunitaria, que é o problema fundamental que temos na sanidade pública española, produciuse un feito sorprendente: 200 prazas quedaron sen escoller fundamentalmente polo sistema de elección. Dicíao todo o mundo menos o Ministerio".

Este ano Galicia achega 65 prazas novas, explica Comesaña, "máis da metade das prazas novas prazas MIR de Médico de Familia están en Galicia. Agardamos que os médicos que queiran escoller praza en Galicia non teñan esa limitación de ter que preelixir. Confiamos en que o Ministerio adapte esta petición e poidan elixir entre todas as prazas, non só entre as preelixidas".

Amais, Galicia, lembra o conselleiro de Sanidade, "pide incrementar en 1.000 prazas máis as prazas MIR nos próximos anos, pola falta de médicos".

Comesaña: "A atención primaria na área de Pontevedra-O Salnés mellorou, pero aínda faltan médicos"

A semana pasada Julio García Comesaña mantivo unha xuntanza cos alcaldes da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés que se amosaron preocupados polas listas de espera, mesmo na atención primaria.

O Conselleiro de Sanidade di que a situación na atención primaria na área de Pontevedra-O Salnés mellorou, pero que aínda faltan médicos:

"En termos xerais en Galicia, o 82 % das citas que se piden a diario obteñen unha cita en menos de catro días. Este é un dato moi bo dato, pero gustaríanos que fose o 100 %, hai áreas como Lugo o Ourense onde o 98 % das citas que se piden se obteñen nos catro días seguintes".

"O maior problema é a falta de médicos de familia", di Julio García Comesaña

"É certo que o maior problema que temos é a falta de médicos especialistas de familia comunitaria", salienta Comesaña. Engade que "mentres o Ministerio non acceda a modificar os criterios, como se lle pediu no ano 2018, e formar a máis temos un problema complicado; especialmente complicado en Pontevedra".

"Os profesionais da área de Pontevedra están facendo un esforzo grande porque moitos deles están facendo xornadas extraordinarias para cubrir eses ocos dun médico que se xubila ou ten unha baixa de longa duración", remata dicindo Comesaña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos