Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comercio, si; inxenuidade, non, por María Bastida

OPINIÓN

Comercio, si; inxenuidade, non, por María Bastida

O presidente do Consello Europeo António Costa, o primeiro ministro da India Narendra Modi e a presidenta da Comisión Europea Ursula von der Leyen, tras anunciaren un acordo de libre comercio entre a UE e A India (Europa Press)
G24.gal 28/01/2026 08:10

Europa volve asinar un grande acordo comercial que convén tomar en serio. Non tanto polo volume ou os aranceis (que tamén), como porque o pacto entre a Unión Europea e A India di moito máis de como está a cambiar o mundo. Efecto liberalizador á marxe, nun contexto de guerra comercial larvada, cos Estados Unidos imprevisibles e A China sobredimensionada en demasiadas cadeas de valor, parece que Europa empeza a pensar en termos de autonomía estratéxica.

Para a Unión Europea, o obxectivo do acordo é claro. A China xa non é a fábrica do mundo orientada a abastecer mercados externos e, sen pretender substituíla, Europa busca unha forma de reducir unha dependencia produtiva excesivamente concentrada en sectores estratéxicos. A India encaixa nesa estratexia por tamaño, crecemento e marxe de manobra. Europa abre plenamente sectores nos que é competitiva, como a industria farmacéutica, a tecnoloxía sanitaria, a maquinaria ou a automoción de gama alta, e protexe de forma explícita a agricultura sensible. Un exemplo de racionalidade económica. As economías maduras liberalizan onde teñen vantaxe comparativa e protéxense onde os custos de axuste serían inmediatos e concentrados.

Para A India, o acordo responde a unha lóxica distinta, pero complementaria. Hai tempo que deixou de ser un mero mercado emerxente. A súa demografía, o seu crecemento e a súa capacidade tecnolóxica sitúana como un actor con ambición sistémica. A apertura comercial é unha vía para atraer investimento, acceder a tecnoloxía e consolidar a súa inserción nos grandes mercados. Por iso o acordo incorpora calendarios, cotas e excepcións. A India non se abre para perder control ou desindustrializarse, senón para gañar tempo, investimento e capacidades produtivas, modernizar o seu aparello industrial e crear emprego cualificado.

O aforro arancelario é relevante, pero non é o elemento decisivo. O crucial é o acceso preferente ao mercado indio na próxima década, nun momento no que ese mercado crecerá máis rápido que a maioría. E ese acceso prodúcese, ademais, sen resolver todas as friccións. O desacordo arredor do mecanismo europeo de axuste en fronteira por carbono segue aí. A transición verde, unha vez máis, non é neutral e continuará sendo un ámbito de tensión económica.

A grande incógnita está en Bruxelas, non en Nova Delhi. O precedente de Mercosur pesa. Se este acordo acaba xudicializado, atrasado ou descafeinado no Parlamento Europeo, o dano non será comercial, senón estratéxico. Asinar grandes pactos que logo non se executan proxecta unha imaxe de Europa incapaz de soster as súas propias decisións. E A India, a diferenza doutros socios, si que ten alternativas.

Este acordo non fai a Europa máis liberal. Faia máis selectiva, máis consciente das súas vulnerabilidades e máis pragmática. A pregunta xa non é se este acordo é bo ou malo, senón se Europa será capaz de apoialo con coherencia política. Porque asinar é fácil. Gobernar as consecuencias, non tanto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade