Colapso nos accesos á Coruña por varios accidentes de tráfico, sen vítimas mortais
Tres feridos, dous deles menores, nunha colisión na avenida Salgado Torres
Un turismo envorcou na AP-9 á altura de Cambre
Tráfico denso e lento na Avenida Alfonso Molina

Varios accidentes colapsaron esta tarde o tráfico na Coruña, ningún deles con vítimas mortais. O máis grave foi a colisión de dous vehículos ás seis e cuarto da tarde na avenida Salgado Torres, pouco antes dun túnel. Houbo tres feridos, dous deles menores de idade que ingresaron no Hospital Materno.
Houbo tres accidentes máis, dous deles na avenida Alfonso Molina, que orixinaron tráfico denso pouco despois das seis da tarde. En ambos os choques, os ocupantes puideron saír dos vehículos polo seu propio pé, mesmo unha muller embarazada.
Outro máis tivo lugar na autoestrada, no quilómetro 9, á altura de Cambre, onde envorcou un turismo. Ao condutor evacuárono en ambulancia ferido na cabeza.