Coa suba dos carburantes soben tamén as prácticas de autoescola
As clases sáenlles agora aos alumnos entre un e cinco euros máis caras
Ir ao volante dun coche da autoescola estalles a saír aos alumnos máis caro debido á suba dos combustibles. As prácticas subiron entre un e dous euros, e entre tres e cinco euros para os profesionais. Obter o carné de conducir supón un desembolso de arredor de mil euros.
Jose Santos, cooperativista dunha autoescola: "Tivemos que aumentarlles o prezo ás prácticas, como en todos os sectores. E ao final temos que estar poñendo cartos do peto, que é o problema".
Jose Montes, presidente da Asociación Galega de Autoescolas: "As prácticas subiron en toda Galicia polo encarecemento dos prezos dos combustibles. Subiron unha media dun par de euros".
Mónica Pérez, presidenta da Asociación Provincial de Autoescolas de Lugo: "Con ese incremento dun cento por cento, estamos abocados ao peche ou temos que repercutilo no prezo da clase práctica".
Dende o sector das autoescolas sinalan que o encarecemento das prácticas non suple as perdas que están a sufrir. Para non pechar, vense abocados a facer máis horas, adquirir coches de segunda man ou mesmo reducir persoal.
Jose Montes, presidente da Asociación Galega de Autoescolas: "Hai autoescolas que incluo tiveron que prescindir de profesores e facer o traballo con menos xente, o que repercutiu nalgunha práctica máis para o profesorado".
Mónica Pérez, presidenta da Asociación Provincial de Autoescolas de Lugo: "Hai autoescolas que non son capaces de atopar turismos axeitados porque os fabricantes deixan de producilos e teñen que tirar de vehículos de segunda man, que aumentaron un 33 por cento de prezo".
Doutra banda, a carestía dos coches eléctricos non lles compensa polo de agora o investimento.