Coa calor, conveñen comidas lixeiras ricas en auga
Verduras frescas e froita de temporada están entre os produtos máis demandados na cesta da compra coa suba das temperaturas
Tomates, leitugas ou cogombros figuran entre os produtos máis demandados conforme van subindo as temperaturas. Ben o saben nas froiterías, onde aumentan as vendas de froitas de temporada, en especial as de carabuña, e mailas verduras frescas, sobre todo para as ensaladas.
"A xente tira máis por ensalada. Tomate, leituga e coisiñas frescas. E o melón e incluso a froita de óso, que estaba a clientela ansiosa porque chegara. Cogombro e todo iso para a ensalada, véndese moitísimo máis do que se vendía anteriormente", sinala Verónica Iglesias, xerente dunha froitería en Lugo.
Segundo os expertos en nutrición, a explicación deste cambio na dieta ten como principal obxectivo unha maior hidratación do organismo. Ademais, incrementa a exsudación, polo que o corpo precisa recuperar nutrientes.
"Vai máis calor, máis temperatura, suamos máis, perdemos máis auga e necesitamos máis hidratación. tamén electrólitos, porque na suor van algúns minerais como o sodio ou o potasio. Entón, alimentacións ricas en vexetais, como as hortalizas e froitas, achegan principalmente ese contido de auga e de electrólitos", explica o nutricionista Ricardo Estévez.
Iso si, cómpre ter en conta que as ensaladas deben estar compostas só por vexetais, e unicamente poden ir acompañadas de proteínas magras se se trata do prato principal.