En Meis buscan 6.000 ovos para facer o bolo de San Gregorio
As voluntarias recollen porta a porta os ovos que doan os veciños
O xigantesco bolo de Pascua repartirase na romaría do domingo
As voluntarias precisan moitos ovos para completar a misión San Gregorio. Concretamente teñen que conseguir que os veciños doen 500 ducias antes do sábado.
"Precisamos 6.000 como mínimo. Imos polas casas de Paradela e outras parroquias desde o martes de Pascua. Tamén os traen na furgoneta do pan ata a panadería onde facemos o bolo".
"A xente xa nos agarda dun ano a outro cos ovos preparados", din as voluntarias.
Caseiros ou do súper, de galiña ou de oca, para facer a decoración. A recollida avanza a bo ritmo.
"Hai xente que doa dúas ducias".
"Seica as galiñas andan estresadas polo confinamento que tiveron, non poñen moito pero a xente é moi xenerosa e dá".
"Ata o sábado teñen tempo de doar, nós estaremos por aquí limpando os ovos ata o mediodía".
E tanto ovo para que? Pois para elaborar unha versión xigantesca do tradicional bolo de Pascua desta comarca. Unha receita a base de ovo, manteiga, fariña e cariño.
"Faise unha masa gramada e despois se coce no forno cos ovos enriba. A masa esténdese como se fora unha empanada pero máis grosa e cun borde alto que recolle os ovos", explica Conchi Silva Arcos, da panadería Paradela.
A elaboración precisa moitas mans, horas de forno e un tractor que traslada o bolo, de cinco metros de longo, ata a Romaría de San Gregorio. Será o domingo, e seguro que hai para todos.
"Servirase con churrasco e viño albariño, todo incluído".
"Facémolo con todo o cariño para repartir entre os veciños da parroquia de Paradela e de todos os que queiran vir probalo".
Entre todos recuperaron unha tradición que se perdera. E fixérona máis grande, tan grande que figura no Guinness dos récords. E non medra máis porque non collería no forno. Será por ovos, din en Meis.