Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cunha media anual de cen vodas, o alcalde do Porriño "non para de casar xente"

Cunha media anual de cen vodas, o alcalde do Porriño "non para de casar xente"

Desde que se converteu en rexedor en 2022 casou polo civil máis de 400 parellas e en 2023 oficiou seis vodas en oito horas

O Porriño vive un auxe no número das vodas civís sendo un dos municipios máis demandados da provincia 

Os casamentos neste concello están exentos da taxa municipal de 100 euros

G24.gal 20/07/2025 14:24 Última actualización 20/07/2025 15:12

A supresión da taxa pola prestación do servizo de celebración de matrimonios civís e a dispoñibilidade total do alcalde para oficialos está convertendo o Porriño nun dos concellos galegos máis demandados para casar.

Alejandro Lorenzo, cunha media anual de vodas que supera a centena, oficiou este sábado sete casamentos en distintas ubicacións do municipio. 

Esta fin de semana foron oito, seis delas en algo máis de cinco horas do sábado. Un calendario que só se pode cumprir ás carreiras como el mesmo contaba este domingo nas súas redes sociais.

"Tiven voda no Concello, no restaurante Manolo, despois volta ao Concello, despois aquí no Templete de San Luís, e agora outra en Oia. Chámante e dinche, por favor, se podes ven, Alejandro. E é imposible dicirlles que non. E eu como nunca digo que non a nada. Un como alcalde ten que facer o esforzo, e duplicarse, triplicarse, e en días como hoxe, con seis ou sete vodas, que é unha bestialidade... pero no fondo eu estou feliz, feliz de que se celebren aquí no Porriño", conta a TVG Alejandro Lorenzo, o alcalde do Poriño.

Tres factores fan que o seu municipio sexa dos máis demandados: que é de balde, non cobra a taxa de cen euros; que é sinxelo, dinnos os noivos que sempre di que si; e que desfruta desa atribución de ser mestre de cerimonias.

"Tiña esta fin de semana 16. Así que seguirá batendo récords. Pero é unha marabilla casar con el, súper agradable, e faino todo moi doado", relata Aser Rodríguez, que vén de celebrar as vodas de prata.

"Tivemos que preparalo con bastante antelación, con tres meses, porque el está saturado. Non para de casar xente", aclara Nuria Pérez, que vén de celebrar as vodas de prata.

"A verdade é que dixo que lle daba igual as que tivera, que nos facía un oco. Así que planificámola hai un mes e medio ou así... e perfectamente... non puxo ningún inconveniente", conta Mónica López, que acaba de casar. 

"E a voda xurdiu así a última hora. E falamos con el e dixo que non había ningún inconveniente. Que facía un oco para nós. E entón dixemos, perfecto, imos adiante coa voda", engade Brian Cortiña, que acaba de casar.

Algo de sidra baixo o arco do Templete de San Luís de Antonio Palacios... e a vivir felices, e a comer perdices... E o alcalde, como aquela noiva de América, á fuga, a correr de voda en voda.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade