Publicador de contidos

Publicador de contidos

Coñecemos a Dana, a cadela que axuda a ler aos pequenos

Coñecemos a Dana, a cadela que axuda a ler aos pequenos

A Asociación Cans e Letras organiza clases de lectura asistida en cinco colexios de Culleredo

Os cans reforzan a autoestima e a motivación dos nenos con máis dificultades para ler

G24.gal 02/02/2023 14:19

Dana, a nova mestra de lectura deste colexio de Culleredo, ten todo listo para comezar a clase. Recibe a súa primeira alumna cun paseíño e despois pídelle que escolla un conto para empezar a traballar.

"O obxectivo é traballar as dificultades dos nenos coa lectura, tamén problemas a nivel social e de aprendizaxe e o facemos con libros e os nosos cans de terapia", explica a coordinadora na Coruña do programa Cans e Letras, Laura González.

Dana é do máis paciente e escoita sen presionar nin xulgar a lectura de Maya. Iso si, tamén é esixente e levanta a pata se non entendeu ben e hai que repetir.

"Cando levanta a pata o neno sabe que a cadela non comprendeu ben e ten que explicarllo e repetir a lectura. Así melloran o vocabulario e tamén a comprensión lectora", comenta a coordinadora.

"Deille un paseo, linlle un conto e acaricieina. Gustoume moito", di Maya, a alumna de Dana.

Gústalles e motívaos porque o contacto coa cadela fai que se rebaixe o estrés que lles produce ler en público.

"O can está tranquilo, deitado, eles notan a calma e tamén se relaxan. Despois len sen que os xulguen e coa liberdade de poder equivocarse", comenta Bárbara Bonachía, a terapeuta ocupacional que acompaña a Dana.

Durante os próximos meses Dana dará clase en cinco colexios públicos de Culleredo. Como ela hai 22 cans en toda España, unha patrulla canina experta en mellorar a lectura e a autoestima da rapazada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade