Publicador de contidos

Publicador de contidos

Clausúrase o Ano Castelao destacando a vixencia do seu pensamento

Clausúrase o Ano Castelao destacando a vixencia do seu pensamento

A Fundación Castelao participou este ano en 56 actividades relacionadas co ilustre galeguista

Durante todo o ano entidades culturais, centros de ensino e administracións puxeron en valor o seu legado literario, artístico e político

G24.gal 28/12/2025 14:43 Última actualización 28/12/2025 15:23

Arrincaba o Ano Castelao no mes de xaneiro para celebrar os 75 anos do seu pasamento no exilio, en Buenos Aires no mesmo lugar onde hoxe se clausurou a celebración. O panteón de Galegas e Galegos Ilustres a onde foron trasladados os seus restos acolle hoxe a cidadanía que mantén o seu pensamento vivo.

"Foi un ano moi importante para reivindicar a figura do galego máis importante que temos na construción da Galicia contemporánea e foi tamén un ano de moitísima unión e confluencia de distintas forzas políticas e do tecido sociocultural", dicía Valentín García, Secretario xeral da Lingua

"Foi unha persoa que foi un referente político de primeira orde, que foi debuxante, artista, escritor pero sobre todo foi quen nos deixou un legado magnífico de loitar por Galicia, polo noso país", asegurou Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago

O 2025 rescatou a memoria colectiva arredor da figura de Castelao, pero desde as institucións da lingua e da cultura insisten en que queda aínda moito traballo por facer para difundir a súa mensaxe entre as xeracións máis novas.

"A cultura cada vez vaise diluír máis e como non teñamos recursos, armas, para defender dignamente unha lingua e unha cultura vai desaparecer. Entón, todo o pouco que fagamos por Castelao nunca vai ser abondo, porque el é un dos grandes e xenerosos que está enterrado no Panteón de Galicia como un símbolo", reclamou Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao

"Fan falta iniciativas para recrear a súa figura nos formatos actuais. Saíu unha película moi boa este ano pero son necesarios máis do tipo dos biopics, producións audiovisuais e novos formatos para achegalo máis á xente nova", 

Coa mirada posta nas novas lecturas e interpretacións e na catalogación da súa obra completa, que aínda está por facer, os estudosos agardan que queden moitos anos Castelao por diante.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade