Claudio Giráldez: "Chega o bonito e hai que dar un paso adiante para conseguir máis"
A gran novidade na convocatoria para xogar ante o Sevilla é o canteirán Miguel Román
O adestrador do Celta, Claudio Giráldez, destaca que o seu equipo afronta a cita deste sábado fronte ao Sevilla "con toda a ilusión", pero sabendo que o rival non llo poñerá sinxelo.
"Teñen un potencial individual brutal, co cambio de adestrador están con boas sensacións de enerxía. Vai poñer as cousas moi difíciles no posicional, son capaces de facer dano de moitas maneiras e que temos que ter nosa mellor versión".
Non dubida que terá, unha vez máis, o apoio do celtismo.
"Necesitamos acerto para gañar un partido que, se o conseguimos, vai marcar un bo camiño para esta semana tan complicada que temos".
Ante esta semana de tres partidos, preguntado pola importancia dos de casa, aspira a "competir os tres para gañalos", e di que os afrontarán de igual maneira.
"En casa somos moi fortes porque temos o apoio de moita xente, pero temos recursos para poder competir ben os tres partidos".
Sobre a gran novidade na convocatoria, Miguel Román, deixa claro que é un futbolista do seu gusto.
"É moi completo, ten a capacidade de construír, de finalizar, de roubar, de defender como seis e como oito. Coñecémolo ben, fixo unha tempada boa, está nun momento de forma e é xusto darlle a oportunidade".
Román entrou pola lesión de Jailson.