Cita para os coleccionistas e os amantes das antigüidades en Santiago
Corenta e seis expositores achegan á Área Central na capital galega unha infinidade de produtos únicos
A Segunda Feira de Antigüidades e Coleccionismo instalada esta fin de semana no outlet Área Central de Santiago acolle unha variedade casi ilimitada de produtos.
"O bo precisamente neste tipo de feiras é que non sabes que vas atopar. É unha sorpresa permanente", di un comprador.
"Hai cousas moi chulas e moi interesantes", afirma outra visitante.
Paramos a mirar unhas lámpadas vintage reconstruídas.
"É deseño de luxo dos anos 60 ao que nós lle damos unha segunda oportunidade", conta a súa vendedora, da tenda La jirafa azul.
Botamos tamén un ollo nos expositores dos playmobil.
"Teñen tantísima variedade, tantas posibilidades, que lle gustan a todo o mundo", asegura Luis Miguel, da tenda Coleccióname.
Noutro posto Mariluz móstranos un floreiro con moucho e explícanos que é unha vendedora afeccionada.
"Empecei, a primeira vez que fun, con cousas que atopaba na casa", confesa.
Sabine ensínanos unha caixa de Danone de 1950.
"Poñíanse os iogures dentro e servíanse ás empresas a través dun tranvía", explica.
Ela leva vinte anos vendendo antigüidades, un negocio moi arraigado no seu país, Francia.
"Pero aquí están empezando a interesarse moitísimo e cada vez os mercados collen máis protagonismo", afirma.
Neste atopamos desde unha coleccionista de bonecas de porcelana...
"Terei unhas trescentas e pico ou catrocentas", confesa.
... ata unha familia que comparte o gusto por coleccionar.
"Tanto é a neta coma a avoa, igual", asegura a maior.
A feira ofrece artigos para todos os petos.
"Desde un euro, por exemplo, un lapis antigo dos que traían a táboa de multiplicar ata pezas de Sargadelos ou do Castro antigas que che poden custar preto dos mil euros", apunta o presidente da Asociación Cultural Ferro Vello, organizadora da feira.
Non marchamos sen admirar algunhas desas pezas únicas de Sargadelos, entre elas un xogo da serie Iluminada, de mediados do século XIX.