Seis persoas atendidas tras arder un céntrico edificio ocupado da Coruña
O lume declarouse de madrugada na rúa Barrera por causas descoñecidas e afectou varios edificios lindeiros
O inmoble, que ía ser rehabilitado, quedou totalmente calcinado
Os bombeiros tardaron cinco hora en controlar o lume
Na Coruña, os bombeiros tardaron cinco hora en controlar o lume o edificio situado no número 30 da rúa Barrera, que quedou totalmente calcinado por un lume. O incendio declarouse de madrugada por causas que aínda se descoñecen e estendeuse con rapidez, xa que tanto as galerías como os teitos son de madeira. A voracidade das lapas foi tal que o teito se veu abaixo.
#AXEGAInforma que atenderon no punto a 5 persoas, só unha trasladada ao hospital por causas alleas ao suceso.
— 112 Galicia (@112Galicia) June 10, 2025
▶️Ardeu por completo o edificio e derrubouse o tellado
🚨Interviñeron @bombeiroscoruna, @Policia_Coruna, @policia e Urxencias Sanitarias de Galicia-061 https://t.co/4hgXLIUMnD
Varias unidades dos bombeiros da Coruña arrefriaron a estrutura do inmoble afectado para acceder ao interior e comprobar que non houbese ningunha persoa afectada. O edificio, que adoitaba estar ocupado, ía ser rehabilitado decontado. De feito, tiña a fachada recuberta de estadas.
Dous edificios lindeiros e tamén o traseiro tiveron que ser desaloxados por seguridade debido á acumulación de fume. Trátase dos números 28 e 32 da rúa Pandeiras e o número 29 da rúa San Nicolás.
Foi necesario desaloxar os veciños de sete inmobles. Boa parte deles puideron regresar xa a casa a mediodía.
Seis persoas tiveron que ser atendidas no lugar dos feitos polas urxencias sanitarias; delas, unha, de 51 anos, tivo que ser trasladada en ambulancia ao CHUAC.
Segundo os veciños afectados, "o edificio practicamente hai que tiralo".
"E todo por que? Non amolamos a ninguén. Temos permiso da persoa do segundo andar, que nos deixou vivir aí mentres non deixemos entrar máis xente. Non hai droga nin delincuencia. Só queremos sobrevivir", explica un dos homes que residía no segundo andar do inmoble calcinado.
Amais, el asegura que o incendio foi intencionado.
"Foi premeditado porque nos bloquearon a porta. O lume comezou á vez arriba, abaixo e no medio. E tivemos que saír todos polas ventás porque non bloquearon a porta de saída", engade.
De momento, descoñécense as causas deste sinistro que mantivo en vilo de madrugada os veciños desta céntrica rúa da cidade da Coruña. A Policía Científica investiga para esclarecer a súa orixe.