Cinco muralistas participan na undécima edición do Rexenera Fest de Carballo
O evento ten programadas rutas guiadas polos murais e outras actividades paralelas ata o domingo día 8 de xuño
Despois de once edicións, Carballo conta con máis dun centenar de murais, sobre todo en edificios privados
Os cinco artistas que participan nesta nova edición do Rexenera Fest xa están traballando en cadansúa parede. Así que, ata o vindeiro domingo, é posible seguir en directo nas rúas de Carballo o proceso de creación dos seus murais.
"Moitas das obras que temos na vila de Carballo son en propiedades privadas. É fundamental a colaboración dos veciños e veciñas que ceden de forma gratuíta a súa parede. É algo a valorar porque non saben quen lles vai pintar nin que, pero o proxecto medra grazas á súa colaboración", explica Maite Parga, técnica de Turismo do Concello de Carballo.
Nesta edición participan artistas de Sevilla, Valencia, os Estados Unidos ou Finlandia, como Anetta Lukjanova.
"Moi ben, gústame a xente moito, tamén me gusta a parede, a máquina é nova. Todo é marabilloso".
Non podía faltar unha representante galega, nacida en Santiago e criada en Vila de Cruces, Raquel Xermade.
"Vai ser unha paisaxe, a contemplación da paisaxe sempre é poética, e o que hai debaixo é un poema. É un poema que escribiu o meu compañeiro porque el está moi implicado na defensa do río Ulla".
O festival naceu como unha forma de mellorar os espazos públicos a través da arte e, despois de once edicións, Carballo conta xa cun auténtico museo ao aire libre con máis de 130 obras.
"É un recurso que axuda a entender o espazo urbano doutra maneira, de achegar a arte e a cultura a todo o mundo. Está replicándose en moitos sitios e creo que vai axudar a converter a Galicia nun referente na arte urbana", di Maite Parga, técnica de Turismo do Concello de Carballo.
O festival ten programadas actividades paralelas: visitas guiadas polos murais, obradoiros, xogos de pistas para familias e música.