Loito polos cinco mortos nun accidente de tráfico en Valencia
O condutor do turismo causante da traxedia circulaba en sentido contrario
Hai tres feridos de prognóstico grave
O peor accidente da fin de semana ocorreu na A-7 en Valencia. Morreron cinco persoas nun accidente múltiple. Dous turismos bateron de fronte cando o condutor dun deles, de 87 anos, se confundiu nun enlace e entrou na vía en sentido contrario.
Unha concentración na Universidade de Alcoi marca o inicio dos tres días de loito decretados no campus tras coñecer a morte de tres dos seus estudantes, dous mozos e unha moza, a noite do domingo neste accidente múltiple. Loito e bandeiras a media hasta que se repiten no concello de Canals, de onde eran os dous anciáns finados no mesmo sinistro.
Ocorreu contra as dez e cuarto da noite na autoestrada ao seu paso pola localidade valenciana de Rotglà i Corberà. Cinco minutos antes, o condutor causante do sinistro de 87 anos, equivocárase e entrara na vía en sentido contrario. Os dous vehículos bateron de fronte.
A forte colisión desprazou o coche dos mozos cara ao carril esquerdo onde bateu con el un terceiro vehículo e uns intres despois, un cuarto turismo.
Ademais dos tres mozos finados, un cuarto que viaxaba con eles está moi grave. Os que ocupaban o asento traseiro seica non levaban posto o cinto.
No accidente morreu o condutor que provocou a traxedia e unha das mulleres que o acompañaba, de 89 anos. A terceira ocupante está gravemente ferida.
Tres feridos continúan con prognóstico reservado, pero un cuarto xa recibiu a alta médica.