Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cinco ataques de candorcas fronte á costa galega no que vai de verán

Cinco ataques de candorcas fronte á costa galega no que vai de verán

No que vai de ano producíronse 25 avistamentos ou contactos con candorcas na costa galega, segundo os rexistros do Grupo de Traballo da Candorca Atlántica.

Os primeiros ataques de candorcas fronte á costa galega comezaron en 2020.

A ciencia apunta dúas posibles causas detrás destes ataques.

G24.gal 27/08/2023 15:04 Última actualización 27/08/2023 17:12

Un grupo de candorcas atacaba así este sábado un veleiro de bandeira eslovaca a 9 millas de Fisterra. Na mesma zona, tamén onte, outra embarcación tivo un incidente semellante. Con estes, son cinco ataques no que vai de verán. 

"O que recomendamos é deter a embarcación, deixar o leme libre para evitar lesións, apagar a electrónica, agás a radio, e avisar as autoridades", explica Alfredo López, biólogo do Grupo de Traballo da Candorca Atlántica

Os primeiros ataques de candorcas fronte á costa galega comezaron en 2020. Nese momento identificáronse nove exemplares, un deles adulto. Por que atacan as embarcacións aínda non se sabe. Desde o Grupo de Traballo da Candorca Atlántica apuntan dúas hipóteses.

"A primeira é que sexa un comportamento autoinducido, é dicir, que inventen un novo comportamento e que o repitan, e a segunda é que este exemplar adulto tivera unha situación adversa con algunha embarcación.  Debido a esa situación de estrés postraumático vivida, cabe a posibilidade de que o exemplar intente deter a embarcación para non repetir esa situación, e os outros exemplares máis novos, por imitación, o que fan é reproducir ese comportamento”, explica o biólogo Alfredo López.

No que vai de ano producíronse 25 avistamentos ou contactos con candorcas na costa galega. O grupo de traballo puxo en marcha esta aplicación móbil para rexistrar incidentes e informar sobre as zonas con máis risco de ataques. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade