Científicos galegos descobren que a covid en fase aguda diminúe unha proteína oncoprotectora
Martinón e Salas aclaran que non está demostrada relación causal entre covid e cancro e que cómpre seguir investigando
Unha das revistas científicas máis prestixiosas do mundo no eido das enfermidades infecciosas faise eco dun estudo dos científicos galegos Martinón e Salas. Investigan no IDIS, en Compostela, a posible relación entre a covid e o cancro, pero insisten en que isto non debe levar a ningún tipo de alarmismo.
"Estudamos as infeccións desde a perspectiva do hóspede, é dicir, por que respondemos dun xeito distinto unhas persoas e outras ante calquera infección. Descubrimos que a covid en fase aguda afecta xenes que teñen que ver coa protección oncolóxica, os que chamamos dos gardiáns do xenoma, concretamente o P53", explica Martinón.
Non é nada terrible, dinnos. É algo común a outros virus. A diferenza é que os niveis destes protectores oncolóxicos non sempre volven subir cando a covid remite. Seguen baixos en pacientes do covid persistente, ata de 24 semanas de duración.
É unha investigación preliminar, que non demostra causalidade. Así que queda por ver se eses niveis baixos de oncoprotectores persisten máis tempo ou poden ter algunha relación co desenvolvemento de tumores, caso en que -cabe esperar- ter pasado a covid sería só un factor de risco máis e nunca un detonante directo.