O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías desenvolve unha ferramenta de realidade virtual para 'ensaiar' a eclipse solar
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías desenvolve unha ferramenta de realidade virtual para 'ensaiar' a eclipse solar
Permite probar a observación desde varias localizacións emblemáticas en Galicia e tamén ver a eclipse desde o espazo, coma un astronauta
A spin off Neutron Insight e a Consellería de Eduación, Ciencia e Universidades colaboran no proxecto
Investigadores do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e dunha das súas spin off desenvolven unha ferramenta de realidade virtual pensada para ver a eclipse como un astronauta, pero tamén para contemplala desde algúns dos lugares máis emblemáticos de Galicia.
"Esperamos ver e sentir esa experiencia inmersiva de ver o eclipse desde diferentes puntos e localizacións galegas. No castro de Santa Tegra, por exemplo, vese que é impresionante, como se vería alí na zona do castro, A Guarda por baixo, o Sol no horizonte", explica Pablo Cabanelas, responsable de Neutron Insights.
A ferramenta permite ensaiar a eclipse mesmo en datas afastadas do 30 de abril.
"Este día poderemos fixarnos por onde se vai pór o Sol o día da eclipse. Se teremos boa visibilidade, se hai un edificio, se se interpón unha montaña. E con esta ferramenta de realidade virtual podemos facer o mesmo en calquera outro día, e tamén podemos ter esa visión espacial", di Lorenzo Cazón, investigador do IGFAE.
"A través da base de datos das posicións astronómicas da NASA, podemos saber que desde a Cidade da Cultura poderemos velo moi ben, mentres que desde O Obradoiro non o veremos porque quedaría tapado. Tamén temos puntos onde vai ser total ou parcial, e como vai ser esa parcialidade", relata o responsable de Neutron Insights
A eclipse de Sol que se viu na área próxima ao ecuador terrestre en 1919 confirmou a teoría da relatividade.
"Observando que a luz emitida por unha estrela se curvaba en presenza dun obxecto masivo", explica Lorenzo Cazón.
E por iso, afirman, as eclipses son unha grande oportunidade para a ciencia.