Científicos do IDIS coordinan unha investigación europea para mellorar a inmunoterapia do cancro de pulmón
Científicos do IDIS coordinan unha investigación europea para mellorar a inmunoterapia do cancro de pulmón
Buscan marcadores epixenéticos que expliquen por que é máis eficaz nuns individuos ca noutros
O grupo liderado polo doutor Ángel Díaz-Lagares acaba de lograr financiamento da Unión Europea para coordinar o proxecto Epilunar. É unha investigación internacional que busca mellorar os tratamentos de inmunoterapia para o cancro de pulmón. Nos laboratorios do IDIS de Santiago van recibir as mostras da biopsia líquida de 250 pacientes desta doenza, de catro hospitais.
O equipo de especialistas en epixenética quere descubrir por que a inmunoterapia, que é tan eficaz e consegue resultados tan revolucionarios nalgúns doentes, non funciona igual de ben noutros.
"Imos tratar de descubir biomarcadores epixenéticos e non invasivos en mostras de sangue para poder identificar -antes de que os pacientes reciban o tratamento- se a inmunoterapia vai funcionar. Neste proxecto colaboran grandes grupos internacionais, e un deles achega un amplo coñecemento en intelixencia artificial, que nos vai permitir tratar unha gran cantidade de datos epixenéticos e clínicos para poder integralos e -analizando o sangue- poder identificar os pacientes en que vai funcionar a inmunoterapia", explicou Ángel Díaz-Lagares,o director da Unidade de Epixenómica do Cancro ONCOMET no IDIS.
É un proxecto da Unión Europea, que marca un prazo de tres anos para chegar a conclusións, que van permitir ganar tempo na abordaxe personalizada da enfermidade,
"Imos evitar toxicidade nos pacientes en que non funciona e conseguir unha maior eficacia no tratamento nos pacientes en que identifiquemos que vai funcionar", dixo Ángel Díaz-Lagares, o director da Unidade de Epixenómica do Cancro ONCOMET no IDIS.
Saber onde está a clave nos casos do fallo deste tratamento será tamén unha ferramenta para avanzar cara ao deseño doutros fármacos eficaces.