Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta inviste 100 millóns na compra de medicamentos CAR-T para tratar o cancro

A Xunta inviste 100 millóns na compra de medicamentos CAR-T para tratar o cancro

Os beneficiarios serán pacientes adultos con mieloma múltiple que serán tratados cos dous medicamentos que se van adquirir nesta compra

G24.gal 29/09/2025 10:41 Última actualización 29/09/2025 14:52

O Consello da Xunta aprobou este luns a adquisición de dous novos medicamentos CAR-T para tratar pacientes adultos con mieloma múltiple.

O investimento, segundo detallou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, será de 100 millóns de euros, e prevese tratar unhas 250 persoas con este tumor, "case 400.000 euros por paciente".

Segundo explicou Rueda, na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta, o mieloma múltiple é o segundo tumor hematolóxico máis frecuente en Galicia.

O presidente da Xunta explicou que para fabricar estes medicamentos "extráense células do propio paciente, que se modifican xeneticamente e se volven implantar" e destacou que está en marcha o Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas en Santiago e está "previsto que xa se poidan fabricar aquí".

Adquisición centralizada

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen tamén interveu na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta, destacou os "bos" resultados do plan de compra centralizada da Administración autonómica.

A xuntanza deste luns do Goberno galego analizou un informe sobre esas compras centralizadas de material sanitario e de medicamentos que, segundo destacaron tanto o conselleiro como o presidente da Xunta, permiten aos contribuíntes galegos aforrar 65 millóns en tres anos.

Gómez Caamaño puxo esta compra de medicamentos CAR-T como exemplo destas adquisicións centralizadas, e o aforro que vai supor a posibilidade de comezar a súa fabricación.

O conselleiro explicou que o plan permite a "negociar condicións máis vantaxosas cos provedores, optimizar prezos mediante a economía de escalas, diminuír a dispersión de custos entre centros, ter unha planificación máis precisa das necesidades, mellorar a capacidade de resposta ante situacións de mercado e minimizar o impacto ante posibles problemas na subministración".

Gómez Caamaño explicou que 34,5 millóns de euros xa se aforraron entre o ano pasado e o primeiro semestre deste ano e que se prevén outros 30,3 millóns de aforro ata 2026 coas "medidas de sustentabilidade e eficiencia" nos medicamentos de farmacia hospitalaria implantadas polo seu departamento.

Estas medidas inclúen a prescrición de medicamentos biosimilares, cun aforro estimado de 14,9 millóns de euros, axustes de doses segundo o peso do paciente, así como contratación centralizada de medicamentos.

Outros acordos

Amais, o Consello da Xunta deste luns acordou someter a información pública o proxecto de explotación do transporte regular por estrada no Barbanza.

Rueda destacou que incorporará catro novas liñas e ampliará a flota de autobuses, cunha dotación de 15 millóns de euros en cinco anos. Entre as novas liñas haberá unha liña que comunicará Ribeira e Santiago por autoestrada, cun servizo cada hora nos días laborables e cada dúas nas fins de semana.

O Consello tamén aprobou investir 1,6 millóns de euros en dotar a vía de alta capacidade entre Tui e A Guarda dun enlace co polígono de Areas, en Tomiño, e iniciar os trámites para ampliar o parque empresarial de Fragamoreira no concello de Poio, ao que se destinarán case 30 millóns "para dar resposta á gran demanda de parcelas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar