Christian Santos asalta Tarazona e devólvelle o sorriso ao Arenteiro (1-2)
O conxunto ourensán tivo que remontar o gol inicial de Borja San Emeterio
O dianteiro venezolano converteu dous goles para levar os tres puntos
Posible lesión grave do central Javi Moreno
O Arenteiro visitaba Tarazona na busca dunha vitoria que fixera esquecer as dúas últimas derrotas, e cumpriu o obxectivo, aínda que tivo que sufrir para iso.
Nos primeiros compases do partido foi o conxunto local quen tentou levar a iniciativa, e mesmo probou a tirar un par de veces dende lonxe da área. Aos seis minutos, Pibe tivo nas súas botas o primeiro gol, pero non foi quen de marcar. No minuto 18, un gran cambio de orientación xerou unha gran oportunidade para os do Carballiño, pero erraron na resolución final da xogada. Chegada a media hora, Liberto dispuxo dunha boa xogada para adiantar os locais, pero tamén estivo errático. Foi no 35', cando Borja San Emeterio rematou a gol un saque de curruncho, cando menos ocasións había no partido. O Arenteiro tivo opcións, pero de novo se vía por debaixo no electrónico. Así marchou o partido ao descanso.
Na segunda metade, todo cambio. Aínda que os do Carballiño tiveron que sufrir para sorrir despois. Nos primeiros minutos o Tarazona saíu ben, pero non foi quen de ver porta nas dúas ocasións máis clara que tivo. A primeira de Trilles, e a segunda do exfabrilista Cubillas, ambos intentos sen sorte. Pero no 57', o partido mudou cando Christian Santos se fixo forte na faceta na que destaca, o xogo aéreo, e rematou coa testa un bo centro dende a esquerda. Imparable o remate e 1-1 no electrónico. Menos de vinte minutos despois, esta vez dun centro a ras de céspede, de novo Santos fixo mudar o marcador, cun gran disparo pegado ao poste. Entre medias, outro gol anulado ao xogador venezolano. O ex do Dépor erixiuse como heroe, unha vez máis dende a súa chegada, para soñar co playoff. A mala nova, a marcha de Javi Moreno en padiola cun golpe no xeonllo que pode rematar coa temporada do central asturiano.