Chega o Entroido cun baño de sol
O bo tempo está garantido polo menos ata o domingo pola noite, cando pode caer algo de choiva ao sur de Ourense
A partir do martes as temperaturas ascenderán despois dunha fin de semana solleira pero fría polo vento do nordés
"Si, si, si, este ano si, este ano na rúa", di unha rapaza. Arrinca o Entroido e todo apunta a que por fin este ano os galegos imos poder vivilo na rúa sen estar mirando o ceo.
"Témolo que mirar sempre, pero neste caso si é certo que temos unha situación idónea, que nesta época do ano non todos os anos coincide que teñamos influencia anticiclónica", apunta Carlos Otero, meteorólogo de Meteogalicia.
"Espero que si, porque se vive máis se están na rúa que nun sitio pechado"; "E máis que nada para as cabalgatas e todo e para os rapaces que levan tempo preparando, pois é importante", comentan na rúa.
O tempo será seco, pero frío, con sensación máis acusada polo vento do nordés. As temperaturas baixas afectarán sobre todo á provincia de Ourense, onde os valores nocturnos quedarán cerca dos cero graos, nada que non o remedie un bo disfrace.
"Hai os pixamas estes de taparte enteira, que para min son o confiable". "Con térmicas por abaixo e pouco máis, cun pouco de licor café e veña", aconsellan uns rapaces.
A entrada de aire frío en altura vai propiciar que caia algo de choiva e incluso neve na montaña ourensá a partir do domingo pola noite.
"Posiblemente o luns pola mañá aínda teñamos a posibilidade dalgún chuvasco; canto máis ao leste da provincia, máis probables serán esas choivas", explica Otero.
Non serán abundantes. A partir do martes as temperaturas ascenden a valores mesmo elevados para esta época do ano para poder seguir vivindo o Entroido.
"Cando é un evento como o Entroido, o tempo é moi condicionante. Este ano estamos máis contentos porque si que é certo que o tempo é máis optimista, sen descartar, como dicía, episodios puntuais de choiva como o do domingo ao luns", conclúe o meteorólogo.