Charles despídese con gol e cedendo o testemuño ao seu fillo Lucas
Charles despídese con gol e cedendo o testemuño ao seu fillo Lucas
Pontevedra e Celta homenaxearon o máximo goleador da historia do club granate
Pontevedra e Celta renderon homenaxe a Charles Días. Historia viva do Pontevedra e máximo goleador do club granate na súa historia. A historia de Charles co Pontevedra foi moito máis aló do deporte. Chegou con vinte anos, e na cidade do Lérez fíxose persoa e futbolista. Debutou na Segunda División, pero o groso da súa traxectoria foi na Segunda B á procura dun ascenso que non chegou.
Despois probou sorte e amosou as súas cualidades como goleador. Iso permitiulle xogar en Córdoba, Almería (máximo goleador da Segunda A), Celta ou Éibar, o seu último equipo antes de volver a Pasarón. Pasou de Primeira a Segunda B, rexeitou ofertas moi superiores porque sempre dixo que a súa ilusión era retirarse no Pontevedra.
Darredor del estiveron moitos dos xogadores que compartiron vestiario con Charles, que marcou o último gol coa camisola granate. O seu primo Yuri de Souza anotou dous. Polo Celta marcaron Pablo Couñago (2) e Mario Bermejo. Contra o final apareceu no campo Lucas Días, o fillo de Charles, que, a modo de testemuño, compartiu céspede co pai e marcou o último gol do partido (4-3).