O Real Madrid asegura a primeira posición na Champions e a Real Sociedade irá á procura dela en Milán

O galego Joselu marcou un dos goles do Real Madrid ante do Nápoles (4-2)

Desastre do Sevilla, que ía gañando por 2-0 diante ao PSV e acabou perdendo por 2-3

G24.gal 29/11/2023 22:11 Última actualización 29/11/2023 22:47

O Real Madrid asegurou a primeira posición do seu grupo coa vitoria contra o Nápoles (4-2) grazas a un gol do xogador da canteira Nico Paz e outro de Joselu nos últimos minutos. Foi un partido con alternativas en que o fillo de Simeone adiantou o cadro italiano. Logo chegaron os goles de Rodrygo e Bellingham para o Real Madrid. 

O gol de Angissa ao comezo da segunda metade puxo o empate. Houbo que agardar ata o último minuto para ver o terceiro gol marcado polo canario Nico Paz cun disparo desde fóra da área. Xa no engadido, o de Silleda Joselu anotou o cuarto despois de fallar moitas ocasións. O cadro de Ancelotti mantén o pleno de puntos. 

 

O desastre foi para o Sevilla que só aspira a entrar na Europa League e terá que gañar no campo do Lens na última xornada. Contra o PSV (2-3) houbo un partido ata o minuto 66, cando expulsaron a Ocampos, e outro a partir dese momento. 

O Sevilla dominaba dun xeito claro cos goles de Sergio Ramos e de En Nesyri. 

Pero despois da expulsión de Ocampos o Sevilla afundiuse, e o PSV conseguiu remontar con tres goles. Saibari, Gudelj en propia porta e Pepi no minuto 96 provocaron o desastre do equipo sevillista. 

A Real Sociedade empatou 0-0 fronte ao Salzburgo nun partido que tivo pouco ritmo e escasas oportunidades. O equipo de Brais Méndez xa está clasificado para os oitavos e disputará na última xornada a primeira posición do grupo no campo do Inter de Milán. Un empate válelle ao equipo de Donostia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar