Publicador de contidos

Cen países acordan reducir un 30 % as emisións de metano

Cen países acordan reducir un 30 % as emisións de metano

Os países asinantes representan ao redor do 70 % das emisións de gas metano, malia quedaren fóra A China, A India e Rusia

Von der Leyen e Biden, tras a súa intervención na COP26
G24.gal 02/11/2021 17:35

A Unión Europea e os EUA impulsaron este martes na COP26 unha alianza para reducir esta década un 30 % as emisións de metano, un pacto global contra ese potente gas de efecto invernadoiro menos coñecido que o dióxido de carbono ao que se sumou un centenar de países, pero non A China, A India e Rusia.

Cumprir ese obxectivo permitiría limitar o aumento das temperaturas en 0,2 º C para 2050 e evitar 200.000 mortes prematuras, centos de miles de ingresos hospitalarios de emerxencia por asma e a perda de 20 millóns de toneladas de colleitas ao ano, segundo os padriños da proposta.

"Arredor do 30 % do quecemento global desde a Revolución Industrial débese ás emisións de metano", pero "é un dos gases que podemos cortar máis rápido. E facéndoo retardarase inmediatamente o cambio climático", dixo na presentación da iniciativa a presidenta da Comisión Europea,  Ursula von der Leyen.

O metano (CH4) provén principalmente dos vertedoiros, do sector gandeiro e do sector enerxético, e é esa última área de actividade a que presenta "sen dúbida máis potencial de redución", dixo Von der Leyen nese acto do programa do cume climático  COP26 que se celebra estes días na localidade británica de  Glasgow.

"Ao redor da metade da calor que experimentamos" provén das emisións de metano, dixo o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden,

A pesar da ausencia dos tres grandes emisores que máis arrastran os pés en materia de loita climática, Rusia, A India e A China, os países asinantes representan ao redor do 70 % das emisións dese gas.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade