A primeira xornada do cumio da ONU en Sevilla deixou un consenso sen os EUA
Na inauguración, o rei pediu aumentar o financiamento en cooperación e saír da conferencia cun plan baseado "no concreto, no tanxible e no realizable"
Para pechar o luns, unha cea no Palacio de Dueñas ofrecida polo presidente do Goberno
Sánchez anuncia a apertura en Madrid da Casa de Nacións Unidas
Foron meses de negociacións, e agora en Sevilla arredor de 70 xefes de Estado e de Goberno adoptan un texto de consenso, malia a retirada dos Estados Unidos. O obxectivo, aliviar a débeda e a emerxencia climática e superar os recortes en cooperación.
"Urxe reformar o sistema financeiro internacional. Necesitamos que cumpra plenamente coa súa función, que é a de catalizar o desenvolvemento. Non abonda, polo tanto, con boas intencións, fan falta feitos", dixo o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
A IV Conferencia Internacional da ONU sobre o Financiamento para o Desenvolvemento reforza o compromiso coa diplomacia multilateral. Tamén pide maior colaboración público-privada.
"Multiplicar os recursos que temos, sabendo que é preciso moito máis investimento no mundo de hoxe", apuntou o secretario xeral da ONU, António Guterres.
"Hai unha evidente falta de financiamento. A única reposta posible é a eficacia. A linguaxe da eficacia é a que ha de definir esta conferencia, a que estará presente no seu documento de conclusións, no Compromiso de Sevilla", subliñou Filipe VI na inauguración do cumio.
E, para pechar a xornada do luns, unha cea no Palacio de Dueñas ofrecida polo presidente do Goberno aos xefes de Estado e de Goberno, representantes de organizacións internacionais e empresarios de proxección global.